Nun documento do século XVII, escrito polo cardeal Gerónimo del Hoyo, dise que Cereixo foi destruído por polos «hereges ingleses» e parte dos seus veciños fundaron a vila de Muxía despois de pedirlle autorización ao Mosteiro de Moraime para edificar nos seus terreos. Aínda que o texto é moi posterior, seguramente estase a referir a un ataque normando do que non se pode precisar a data.
O mar sempre foi fonte de riqueza e lugar de transmisión de novidades e innovacións, pero por el tamén chegaron pragas e destrución. Na Idade Media, entre os séculos X e XII a costa era un lugar perigoso frecuentemente asolado polos viquingos, tamén chamados normandos, e os piratas sarracenos.
A ría de Camariñas e Cereixo foron escenarios destes saqueos. Nun documento de 968 cóntase como os monxes de Santa María de cabo Tosto (Camariñas), tiveron que fuxir cara a Santiago por causa das incursións de piratas sarracenos. Na «Historia Compostelana», fálase tamén da devastación que causaron a inicios do Séc. XII por Nemancos e Soneira os piratas almorábides que habitaban a costa entre Sevilla e Coimbra.