Santiago de Cereixo é a única parroquia no concello de Vimianzo situada na marxe da Ría de Camariñas ou Ría do Porto, como se coñece neste tramo do Río Grande. A mención máis antiga que coñecemos desta poboación é unha viaxe que fai o rei Alfonso IX coa súa corte no ano 1228, probablemente para dotala dunha «carta puebla». Na documentación da época aparece co nome de «Populationem de Seregia». Durante a Idade Moderna o núcleo cítase na documentación como Puebla de Cereixo ou Cereijo e Puerto de Cereijo.
O núcleo de Cereixo presenta un dos conxuntos arquitectónicos máis interesantes da Terra de Soneira. Moitas das súas casas son construcións de pedra de excelente cantería, que durante a Idade Moderna foron propiedade de familias importantes na zona, algunhas de liñaxe fidalgo, vinculadas aos negocios portuarios, ao cobro de foros ou a administración dos muíños de mareas.