Parroquia: Calo
Advocación: San Xoán
Cronoloxía: Século XVIII
Estilo: Barroco
A igrexa de San Xoán de Calo é de base románica, aínda que a súa primitiva estrutura foi modificada a principios do século XVIII ao ampliar os muros da nave e da fachada. Presenta planta rectangular cunha capela adosada ao muro sur no tramo central da nave, e a sancristía está adosada á capela maior. A nave ten por cuberta unha cimbra de madeira, e a capela maior cóbrese con bóveda de canón. A capela lateral sur, advocada a san Tomé, data orixinariamente do século XVII, e despois foi reformada no século XVIII. Esta capela está cuberta por unha falsa cúpula.
A fachada constitúe a parte mais interesante do templo; a torre campanario sitúase centrada na fachada no eixo vertical que marca a porta e o vano situado sobre ésta. Placas, róleos, pilastras e outros motivos decoran esta torre do século XVIII. O mesmo que ocorre na veciña San Vicenzo de Vimianzo, a orientación desta igrexa non responde á tradición arquitectónica cristiá, xa que se orienta de oeste a leste.
Retablos
A única imaxe que parece ser orixinaria do retablo maior é o relevo que representa a Asunción da Virxe, no fornelo central superior. Este relevo representa á Virxe sobre un trono de nubes, que data de finais do século XVIII, cun estilo de transición barroco-neoclásico
Na imaxe da esquerda aparece un xoven acompañado da águia, o símbolo que o identifica como evanxelista. Trátase de san Xoán, quen orixinariamente ocuparía o fornelo central presidindo este retablo. É unha imaxe barroca, do século XVIII, e podería pertencer a Xosé Gambino ou ao seu taller. Á dereita está a imaxe de san Paulo (século XVIII, barroco-neoclásico), un home maduro con longa barba, que porta na man un libro aberto e unha espada na que se apoia.
O retablo de santa Lucía, no muro norte, está ocupado unicamente pola imaxe desta santa (século XVIII, barroco-neoclásico) que viste ao modo dunha patricia romana e porta unha palma -atributo dos mártires- e un prato onde leva os seus ollos, tal como se simboliza a esta santa.
No primeiro tramo do muro sur atópase o retablo de san Francisco, presidido polo santo de vestiduras monacais que porta un crucifixo na man (finais do século XVIII, de estilo neoclásico) e que podería pertencer a un discípulo de Xosé Ferreiro. Xunto con san Xoán Evanxelista, conforman as mellores obras que posúe esta igrexa.
Atópase tamén neste templo a escultura funeraria do crego Rodrigo Thomás (finais do século XVI), párroco da igrexa de Santa Baia de Tines e natural de Calo, que foi o fundador da capela lateral de san Tomé. Situada sobre o sartego pétreo ubicado na capela sur, foi trasladado hai 20 anos dun lateral do camposanto. Aínda que se descoñece o seu lugar de orixe, podería ser o actual.
BIBLIOGRAFÍA
LEMA SUÁREZ, XOSÉ M.; A ARTE RELIXIOSA NA TERRA DE SONEIRA. EDIT. FUNDACIÓN UNIVERSITARIA CULTURA. 1993
SORALUCE BLOND, JOSE RAMÓN; FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ, XOSÉ; ARQUITECTURA DA PROVINCIA DA CORUÑA . DIPUTACIÓN PROVINCIAL DE A CORUÑA.