Patrimonio de Vimianzo
21 de novembro de 2024
Patrimonio de Vimianzo
Compartir:

IGREXA DE SANTA BAIA DE TINES

Enderezo:

Tines - Vimianzo (A Coruña)

Parroquia: Tines
Advocación: Santa Baia.
Cronoloxía: séculos XII e XVIII
Estilo: Románico e Barroco


No adro da igrexa Santa Baia de Tines foron descubertos no ano 1951 uns restos arqueolóxicos que pertenceron á época romana e sueva, o que demostra a importancia histórica desta parroquia durante a Idade Antiga e Media. Nunha excavación esporádica con motivo do traslado da antigua ermida, coñecida como Ermida Vella, ata o lugar que actualmente se atopa o templo, atopáronse unha base dunha columna e restos de material construtivo, que se cre que son os restos dunha vila romana. Tamén se descubriu unha importante necrópole ou cemiterio romano-suevo, con tumbas que van dende o século I ao VIII. Pertencen á época romana as construídas con tégulas; e á sueva, os sarcófagos pétreos, de forma oval (os máis primitivos) ou con forma humana (antropoides).

Na zona leste do cemiterio quedaron ao descuberto algunhas destas tumbas, e as lousas que as cubrían reutilizáronse para o valo do adro e a propia igrexa, como sucede coa espadana (1969). Este achado foi considerado polo autor da excavación, o investigador M. Chamoso Lamas, como o máis importante de restos dunha cultura bárbara feito en Galicia, comparándoo incluso coa necrópole atopada baixo a catedral de Santiago de Compostela. Sen embargo, moitos deses restos quedaron abandonados no adro da propia igrexa.


O resto arqueolóxico máis importante da necrópole de Tines é a estela funeraria de Victorinus, que actualmente se atopa no Museo Arqueolóxico da Coruña. Nela distínguese un rudo gravado dun rostro humano coa inscrición VICTORINVS IN PACE ANNORVM LXX (Victorino morreu en paz aos 70 anos). A fórmula in pace indica que o finado xa era cristián, polo que este vestixio podería constituir o primeiro testemuño epigráfico do cristianismo en Galicia. Data de finais do século IV.


Arquitectura            

Esta igrexa presenta unha planta de salón formada por unha ábsida ou capela maior cuadrangular e unha nave rectangular, unha sancristía acaroada ao muro norte da ábsida e  unha capela lateral (a da Ermida Vella) cara o muro sur da nave. A parte máis antiga é a ábsida, de estilo románico do século XII, aínda que conserva menos restos que outras do mesmo municipio como Treos, Serramo ou Baíñas. No exterior destacan os contrafortes do muro sur e a xanela cegada da cabeceira, rematada nun arco de medio punto sobre columnas con capiteis. Tamén da época románica son os canzorros decorados que se conservan baixo o beirado do tellado.A única nave e a austera fachada respostan aos gustos barrocos vixentes no século XVIII, momento no que foron construídas.

Tamén son da mesma data a sancristía e a capela da Nosa Señora da Ermida Vella, que é o presbiterio trasladado a mediados do século XX da antiga ermida que se erguía no adro. O arco triunfal, o que comunica a capela maior coa nave, é dobre e apóiase en dúas grosas semicolumnas acaroadas aos muros cuns interesantes capiteis románicos, os únicos historiados das igrexas do Arciprestado de Soneira. Estes capiteis contan cunhas figuras humanas moi rudas e desproporcionadas debido á dificultade do material (o duro granito) e á impericia do escultor. Ao lado norte parece representarse a escena do pecado e a expulsión de Adán e Eva do Paraíso.

A figura central, Adán, mira cara o ceo e parece estar a sufrir un tormento, arrepentido despois de ter mordido a mazá. Semella que ás súas costas ten a serpe e ao seu carón outra figura representaría a Eva, que agora, avergoñada, trata de tapar a súa nudez. O capitel do lado sur (á dereita) representaría o martirio de santa Baia, polo que a figura central correspondería á santa titular desta parroquia, recostada en pleno tormento, cubríndose o peito cunha man e coa outra tratando de arredar a figura do seu carón, quen estaría dándolle tormento. Nos dous capiteis hai unha terceira figura que aparecería como simple espectador nas dúas escenas.


Retablos e Imaxes

O retablo maior está presidido pola imaxe de santa Baia, que data de comezos do século XX ao substituir o anterior barroco consumido por un incendio no ano 1900. Á esquerda atópase a Inmaculada Concepción, que ao igual que a anterior, é de estilo ecléctico. Á dereita, apréciase a santo Antón, e nos fornelos laterais, san Xosé e san Paulo, tres figuras barrocas de mediados do século XVIII, bastante rudas, do escultor de Troitosende Ignacio Martínez. A cada lado da nave hai dous retablos laterais: o da Virxe do Carme e o da Virxe das Dores, incrustados nos nichos do muro. O da Virxe do Carme data de 1776 e foi obra de Francisco Castro Agudín, que residía na aldea veciña de Sandrexo.

A imaxe da Virxe, barroca, presenta moi boa feitura, igual que a da Virxe das Dores, de trazas xa neoclásicas, e que, posiblemente tamén fose obra de Castro Agudín. O retablo da Virxe das Dores é posible que sexa do mesmo autor porque presenta características moi similares e os dous poden encadrarse no estilo barroco-rococó.


Na capela lateral sur atópase o retablo da Ermida Vella, obra do escultor rural Ignacio Martínez. Pertence ao ano 1751, e no seu día foi o altar maior do santuario desta advocación, que estaba situado no sueste do adro, independente da igrexa. Trátase do típico retablo barroco de marquetería da época, con abundancia de placas, pilastras decoradas con motivos vexetais, anxos tenantes… Está coroado cun relevo do Pai Eterno e cun Santiago cabaleiro no fornelo do ático (con esto parece querer ligarse o culto mariano co xacobeo, coma na Barca de Muxía). O corpo está dividido en tres paneis, coa figura de santa Ana coa Virxe nena no central; á esquerda, unha pequena imaxe de san Xosé, e á dereita, san Xoaquín.

As imaxes de san Xoaquín e Santiago parecen ser as únicas orixinais do retablo, xa que o panel central estaría ocupado por una imaxe propia da Ermida Vella. San Xoaquín, san Xosé e Santiago son obras de Ignacio Martínez, e a pesares das súas limitacións, presentan características barrocas. As imaxes de santa Ana e da Virxe da Ermida Vella de carácter procesional son de autor descoñecido, de estilo ecléctico de comezos do século XX, que presentan faccións idealizadas, rostros ovalados, modelo dúctil e amplos panos.

No adro da igrexa atópanse varios cruceiros, como o da entrada, cunha base dunha columna romana como capitel. Na zona este do cemiterio hai outro de estilo barroco, do século XVIII, cunha iconografía pouco habitual: o descendemento da cruz no momento en que Xosé de Arimatea, vestido cunha larga túnica, está desencravando a Cristo. É posible que o seu autor sexa Domingos Martines, un canteiro da aldea de Pazos (na mesma parroquia de Tines), de comezos do século XVIII.









Bibliografía:


LAREDO CORDONIÉ, J. Mª e X.Mª LEMA SUÁREZ (2012: Os cruceiros máis sobranceiros da Costa da Morte. I. Bergantiños Occidental e Terra de Soneira; Seminario de Estudos da Costa da Morte, Vimianzo.

LEMA SUÁREZ, X.Mª (1993): A Arte Relixiosa na Terra de Soneira; t. II; Fundación Universitaria de Cultura; Santiago.

LEMA SUÁREZ, X.Mª (2000): “Artistas e talleres rurais nas Terras de Soneira e de Nemancos (séc. XVIII), en Actas do I Simposio de Historia da Costa da Morte (Baio e Zas 18, 19 e 20 de xuño de 1999), Asoc. Neria, Cee (pp. 175-205).

LEMA SUÁREZ, X. Mª (coord. e dir.) et alii (2010): A Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte; Edicións Xerais de Galicia, Vigo.


Tines - Vimianzo (A Coruña)

Praza do Concello, 6, Vimianzo (A Coruña) CP 15 129. Tfno: 981716001. Fax 981 716 650.

Concello de Vimianzo
Deputación provincial da Coruña