Patrimonio de Vimianzo
21 de novembro de 2024
Patrimonio de Vimianzo
Compartir:

IGREXA DE SAN CRISTOVO DE CARNÉS

Enderezo:

Carnés - Vimianzo (A Coruña)

Igrexa San Cristovo de Carnés

Parroquia: Carnés
Advocación: San Cristovo
Cronoloxía
: século XVIII
Estilo
: Neoclásico


O templo presenta unha planta de cruz latina cunha única nave dividida en tres partes; unha estrutura lonxitudinal que se alonga considerablemente pola presenza da sacristía na parte posterior (e non na parte lateral). Foi construído entre 1797 e 1798 polo mestre canteiro Manuel Gamallo e os seus dous fillos que, a pesar de seren naturais de Pontevedra, realizaron numerosas obras pola zona.

A fachada é o elemento máis relevante de San Cristovo de Carnés, tanto polo ornamental (onde se aprecian detalles decorativos herdados do Barroco compostelán) como polo seu peculiar campanario.

Trátase dunha das fachadas máis maxestuosas e artísticas da comarca, xunto coa de San Xoán de Calo que, seguramente, foi construída polos mesmos canteiros pontevedreses. As dúas mostran grandes semellanzas, xa que presentan trazos do Barroco compostelán nos motivos decorativos  e posúen unha grande placa semicircular sobre a que se asenta a torre-campanario (seguindo o modelo creado a comezos do século XVIII por Simón Rodríguez na igrexa compostelá de San Fiz de Solovio).


Igrexa San Cristovo de Carnés

Os tres retablos que alberga a igrexa son de estilo Neoclásico e son moi semellantes entre si. O máis antigo é o retablo maior (datado no ano 1788), obra de Francisco Castro Agudín e natural de Treos (Vimianzo).  Seis columnas monumentais enmarcan a imaxe do patrón, San Cristovo, unha obra anónima do Barroco realizada no 1726. Acompañan ao patrón Santo Antón e a Virxe do Carme, dúas obras do Barroco-rococó do último terzo do século XVIII.

O retablo da capela sur, dedicado a Santo Andrés (que porta a cruz en aspa), foi realizado por Juan Vázquez no 1808. Baixo esta imaxe, no corpo principal destaca unha Inmaculada (obra ecléctica do compostelán José Rivas) e, aos lados, San Bieito (monxe con hábito negro) e San Xosé (cunha vara florida nunha man e co neno na outra).

O retablo da Virxe do Carme, na capela norte, é do mesmo autor Juan Vázquez, do ano 1808. A súa estrutura é case idéntica á do retablo da capela sur. Destaca a imaxe de San Miguel (arcanxo caracterizado como cabaleiro con espada flamíxera), que podería pertencer ao taller do escultor compostelán José Ferreiro. Tamén aparecen unha nova imaxe da Virxe do Carme (obra ecléctica do 1924), a Virxe do Rosario (vestida de branco) e a Dolorosa (toda vestida de negro).

No igrexario de Carnés consérvanse unhas construcións particulares dedicadas a servir unha comida gratuíta, a Faguía, na véspera do patrón San Cristovo. Antano era unha comida que se servía aos mendigos e vagabundos e, actualmente, é unha festa gastronómica onde se serven callos para todos os asistentes. Esta festa foi declarada de Interese Turístico pola Xunta de Galicia no 2010.

No 1833, un canteiro de Carnés, Pedro Miñóns, construíu unha cerca para evitar que entrase a xente que non fose confrade. Un ano máis tarde fixéronse os mesados de pedra e plantáronse castiñeiros no lugar.







Bibliografía:


GONZÁLEZ PÉREZ, L. (2005): «A Faguía de Carnés e o San Cristovo: evolución e adaptación dunha festa», en Encontros coa etnografía; Ed. Toxosoutos, Noia.

LEMA SUÁREZ, X. Mª (coord. e dir.) et alii (2010): A Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte; Edicións Xerais de Galicia, Vigo.

LÓPEZ AÑÓN, E. (2000):«Unha aproximación á arte e aos artistas de Nemancos a través das fontes documentais», en Actas do I Simposio de Historia da Costa da Morte (Baio e Zas, 18, 19 e 10 de xuño de 1999); Asociación Neria, Cee.

LÓPEZ AÑÓN, E. (2007): Arte Religioso en el Arciprestazgo de Nemancos (A Coruña). Siglos XVIII-XX. Arte mueble; tese de doutoramento presentada na USC.


Carnés - Vimianzo (A Coruña)

Praza do Concello, 6, Vimianzo (A Coruña) CP 15 129. Tfno: 981716001. Fax 981 716 650.

Concello de Vimianzo
Deputación provincial da Coruña