Patrimonio de Vimianzo
21 de novembro de 2024
Patrimonio de Vimianzo
Compartir:

IGREXA DE SAN MARTIÑO DE CASTRELO

Enderezo:

Castrelo - Vimianzo (A Coruña)

Parroquia: Castrelo

Advocación
: San Martiño

Cronoloxía
: Séculos XVIII e XIX

Estilo
: Barroco


A igrexa de San Martiño de Castrelo ten planta de cruz latina, coa sacristía apegada ao muro norte da capela maior, cuberta con bóveda de canón. As capelas que forman o cruceiro -de reducidas dimensións- teñen planta rectangular e cóbrense con bóveda de canón. O cruceiro cóbrese con bóveda de crucería, e un coro alto de madeira cerra a nave.

A fachada constitúe un conxunto de grande interese cun pórtico resaltado en planta e en alzado que acubilla a porta principal, sobre o que se edifica a torre no século XIX. A torre ten unha base prismática e consta de dous corpos: o inferior, formado por catro arcos de medio punto sobre piares, e o superior, levantado sobre un tambor octogonal e coroado por unha lanterna. O trazo dos dous corpos segue un esquema simétrico alternando partes baleiras e macizas.


No corpo central da fachada principal hai unha imaxe que corresponde a san Martiño de Tours, que procedería da antiga igrexa que foi substituída pola actual. A torre campanario data do ano 1852 e ten unha cúpula de estilo barroco. Coroa o centro da fachada e sobresae do resto, formando un bloque rectangular que atravesa a cara principal e remata nun pequeno pórtico con dúas columnas pechadas con arcos de medio punto.

A decoración complétase con pináculos rematados en bólas nas esquinas da fachada e con orelleiras na porta e baquetóns nas roscas dos arcos. O resto do exterior é bastante sobrio. O conxunto arquitectónico complétase cunha fonte e un cruceiro.


Hai un documento antigo que certifica que a igrexa de San Martiño de Castrelo foi trasladada no ano 1714 dende o lugar do Sino -cerca de Lavandeira, xunto ao río que pasa ao pé do castro do mesmo nome- ao lugar actual, onde había unha ermida dedicada a santo André. En realidade, o traslado consistiu en erguer o templo de nova planta, entre os anos 1715 e 1738. A torre, aínda que data do ano 1852, foi reformada posteriormente no ano 1917. 


BIBLIOGRAFÍA

LEMA SUÁREZ, XOSÉ M.; A ARTE RELIXIOSA NA TERRA DE SONEIRA. EDIT. FUNDACIÓN UNIVERSITARIA CULTURA. 1993

SORALUCE BLOND, JOSE RAMÓN; FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ, XOSÉ; ARQUITECTURA DA PROVINCIA DA CORUÑA . DIPUTACIÓN PROVINCIAL DE A CORUÑA.


Castrelo - Vimianzo (A Coruña)

Praza do Concello, 6, Vimianzo (A Coruña) CP 15 129. Tfno: 981716001. Fax 981 716 650.

Concello de Vimianzo
Deputación provincial da Coruña