No proxecto #EuSAVE participarán 40 pequenos municipios rurais de menos de 10 000 habitantes, de 8 países diferentes (España, Italia, Croacia, Bélxica, Portugal, Bulgaria Letonia e República de Macedonia), pertencentes ás catro áreas de Europa (Leste, Oeste, Norte e Sur).
O obxectivo do proxecto é crear unha rede de vilas históricas europeas intelixentes que aumente a implicación e a participación dos cidadáns na vida socioeconómica das súas vilas, promovendo accións de compromiso social e definindo estratexias de desenvolvemento local baseadas nas oportunidades que ofrece o patrimonio cultural material e inmaterial deses territorios históricos, como activos para o crecemento rural intelixente, sustentable e inclusivo da UE.
Durante un período de 2 anos, os grupos de traballo temáticos transnacionais levarán a cabo unha ampla gama de actividades de participación cidadá no marco da rede europea de vilas históricas intelixentes creada polo proxecto #EuSAVE. A través destas accións, desenvolverase un mapeamento de boas prácticas das iniciativas de éxito que xorden das sinerxías entre a innovación social e o patrimonio cultural. Ademais, farase un seguimento das estratexias de desenvolvemento local baseadas nos valores e activos culturais, patrimoniais e históricos das zonas rurais. Despois de ser analizadas, as boas prácticas identificadas serán transferidas á rede, que definirá estratexias conxuntas de desenvolvemento e liñas de acción para vilas históricas intelixentes.
Finalmente, para asegurar a continuidade da rede más alá da vida útil do proxecto, elaborarase un plan de transferibilidade e sustentabilidade. Este plan incluirá directrices sobre como identificar, transferir e formalizar novos acordos de colaboración con outros municipios rurais europeos, e articulará un marco común de colaboración entre as entidades socias do proxecto (membros da rede) no futuro.