Tras un intenso mes de emocións compartidas o programa de divulgación arqueolóxica das Barreiras entra na súa recta final. Comeza agora unha nova fase para o equipo científico: consolidar estruturas, analizar mostras e atar moitos cabos entre o laboratorio e o gabinete… Namentres, aqueles que traballamos na divulgación do proxecto, deberemos agardar polas conclusións e resultados, o tempo que dicte a sempre cautelosa ciencia. Continuaremos asemade, contándovos pequenas historias asociadas e todas as novidades, sen descartar convidarvos novamente para clausurar esta bonita etapa dende o programa Abrir as Barreiras.
Como sabedes, o programa paralelo á escavación Abrir as Barreiras, desenvolveuse durante este mes de abril dende o Concello de Vimianzo. O mesmo promotor das obras, pretendeu darlle así unha dimensión diferente ao que podería ser un opaco proxecto científico. Queríamos socializar o Patrimonio, procurar cómplices, espertar a curiosidade, o coñecemento e a querenza ante este sitio histórico que vos pertence a todos e con especial énfase a veciñanza de Vimianzo, propietaria das terras municipais onde se localiza o gran Castro das Barreiras.
Durante estas semanas, abrimos as Barreiras con visitas especiais para achegarnos ao traballo arqueolóxico. Cada xoves Tito Concheiro, o arqueólogo director da escavación, amosou as súas dotes comunicativas trasladándonos nunha viaxe no tempo miles de anos atrás. Recibimos amigos e amigas chegadas dende a Coruña, Santiago, Santa Comba, Coristanco, Camariñas, Muxía ou Laxe, pero nomeadamente recibimos viamanceses e vimiancesas coas que conversar, compartir lendas e amor polo propio.
O Castro das Barreiras, emerxeu novamente no seu val ante a mirada curiosa dos máis pequenos da comarca. Dentro do programa de divulgación, as visitas escolares acadaron un rotundo éxito de participación con máis de 750 participantes, recibindo grupos de idades e niveis educativos moi distintos, dende os 3 aos 16 anos. Fixemos así de Ogas, toda unha canteira de novas promesas da arqueoloxía e admiradores da nosa historia e Patrimonio.
Vai rematando abril e con el o programa de divulgación. Se quedaches coas ganas de visitarnos e formas parte dun centro educativo ou estimas visitarnos cun grupiño de máis 10 persoas aínda podes tener unha oportunidade se contactas con nós antes do 5 de maio. Con todo, as Barreiras non pecharán nunca, queda aberta a súa visita para goce de todos e todas as que sentides admiración, emoción e respecto por este lugar tan especial e que de seguro, moito aínda, nos seguirá a contar...