Castro das Barreiras Castro das Barreiras Castro das Barreiras

Día a día

10-04-2018

Segunda semana. Arrancamos as visitas guiadas

Segunda semana de escavación: Emoción compartida co arranque das visitas guiadas

Trala retirada das primeiras capas estériles e situarnos no punto de partida, que había de ser o lugar onde o deixamos no 2010, iniciamos a segunda semana de escavación e  preparámonos para destapar todas as sorpresas da campaña 2018. Na área descuberta, un tramo de muro circular anima a especular sobre o destacado diámetro do seu espazo interior, estimando quizais os 11metros. Axiña comezaría a aparecer a cerámica propia destes espazos domésticos. Neste punto a cousa empeza a animarse e alegrámonos coa incorporación de todo o equipo científico, que logo vos presentaremos.

Seguindo a nosa filosofía, abrimos as barreiras do seu Patrimonio á veciñanza e o luns 9 de abril recibimos ao primeiro dos grupos escolares, o primeiro dos moitos que agardamos nos veñan visitar… Tito Concheiro, director da escavación, animou á rapazada do IES Pedra da Aguia da Ponte do Porto (Camariñas) a acompañalo por unha visita a través do tempo ata a época dos poboados fortificados. Observamos o horizonte dende o alto das súas afamadas barreiras e comprendemos, coa axuda do arqueólogo, o método científico a empregar para poder saber máis deste emocionante pasado.

Con esta visita arrancamos o noso programa de divulgación e socialización do Patrimonio. Por isto, se formades parte dun centro educativo, asociación ou simplemente sodes un grupo de amigos e amigas interesadas na temática, convidámosvos a contactar con nós para solicitar a vosa reserva.

COOKIES
Este sitio utiliza cookies para proporcionar os nosos servizos e realizar análisis de uso e de medición de nosa web. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou ben coñecer como cambiar a configuración do seu navegador, pulsando na nosa Política de Cookies | ACEPTAR X