Prometíamos non pechar as Barreiras nunca, e mesmo continuar a aprender do mundo castrexo ainda no descanso das escavacións. Con esta intención, o Concello de Vimianzo incluiu o Castro das Barreiras no programa de visitas do seu verán cultural, e así cada quince días levantamos as lonas para poder observar o escavado con xentes chegadas dende lugares moi diversos, pero sempre interesadas en asomarse ao apaixonante relato do pasado.
Pero ademais das visitas guiadas nas que lembrar todo o que estaba a descubrir a escavación, queríamos aprender máis, experimentar, tomar novas perspectivas do arqueolóxico e voltar a revivir o cotiá dos castrexos que viviron nas Barreiras. Por todo, procuramos a axuda da Fundación Terra Termarum, expertos na reprodución de cerámicas castrexas para aprender como se modelaría o barro de Ogas na época que se habitaba o vello poboado.
A actividade resultou nunha mañá marabillosa, cando conectamos co traballo das nosas mans e a concentración das nosas mentes, con quen imaxinou cacharros de barro moito antes que nós, oleiros e oleiras ao longo do tempo. Comprendemos a importancia destes recipientes, colmados de aprendizaxes sobre as vidas e costumes daqueles que tanto os precisaron.
As Barreiras volven á vida, mirando dende o pasado a confección do noso futuro, e namentras observamos aquelas lembranzas, elaboramos outras, dende a súa inspiración e con todo o noso agarimo. Rematada a cocedura, convidamos a todos os autores e autoras a contactar con nós para vir recoller a súa cerámica, a súa preciosa lembranza.