A alta concentración de representacións culturais de distintas épocas, constitúen a demostración manifesta da importante ocupación histórica do territorio. Percorrer estes enclaves patrimoniais permitirá ó visitante, se así o desexa, avanzar nunha viaxe no tempo a través dos moitos e variados testemuños do suceder histórico.
Deste xeito poderemos trazar unha liña continuada dende os milenarios monumentos megalíticos, a arte rupestre sobre as pedras de Pedrouzo ou os poboados castrexos de épocas prehistóricas, até a irrupción romana e os inicios do cristianismo testificado no lugar de Tines. Dos convulsos tempos medievais, o Castelo medieval será toda unha icona da arquitectura defensiva, mais tamén atoparemos lembranzas do románico en igrexas como a de Santo Antoíño de Baiñas ou en Santiago de Cereixo.
Non abandonaremos Cereixo se queremos descubrir un monumental muíño de mareas en perfecto estado de conservación, e por seguir a falar de moendas citaremos o conxunto etnográfico de Mosquetín e os seus batáns, arquitecturas populares que nos falan da produtividade da terra, arrendamento ben vizoso como poderemos comprobar a través da importante presenza de pazos na comarca, algún tan fermoso como o que se sitúa na propia vila de Vimianzo, o elegante Pazo de Trasariz.