3 de decembro de 2024
Hoxe temos
El tiempo - Tutiempo.net
Turismo Vimianzo

A Faguía de Carnés

  • Procesión na Fagía de Carnes
  • San Cristovo
  • A Cerca
  • A Caseta

Esta festa, de índole relixiosa, pero tamén gastronómica celébrase cada 9 de xullo, véspera de San Cristovo, na parroquia vimiancesa de Carnés.

Esta celebración foi recuperada no ano 1981 por iniciativa dun grupo de veciños da parroquia. Aínda que segue a conservar moitos elementos herdados do pasado, que comentaremos máis adiante, o acto central é a degustación dos callos.
A encargada de organizar o evento é unha comisión de festas, asistida polo Departamento de Cultura do Concello de Vimianzo, que comeza recadando fondos entre os veciños.
A preparación da comida comeza uns días antes coa compra dos distintos ingredientes para a elaboración dos callos: especias, garavanzos, carne,...
O día 8 de xullo os membros da comisión e un grupo de veciños, todos eles voluntarios, comezan a preparar a comida no recinto onde se vai celebrar a festa, coñecido como a Cerca. Mentres tanto, outro grupo de xente dedícase a acondicionar o recinto. Basicamente trátase de tarefas de limpeza, colocación de barras de madeira para expender bebidas, decoración do estrado onde se vai colocar o Santo, etc.
Os preparativos duran todo o día e prolónganse ata a noite, de xeito que moitos voluntarios non durmirán ata o día seguinte.
Xa o 9 de xullo, aproximadamente ás seis da mañá, despois dunha tirada de fogos anunciadores, comeza a cocedura dos callos na caseta que está dentro do mesmo recinto onde se vai celebrar a festa e que fora construída alá polo 1832 pensando para este fin.
Cada pota pertence a unha familia de Carnés; chámanlle pota da Faguía ou de San Cristovo e cédenlla á comisión precisamente para a cocedura dos callos.
Ao redor das dez ou once da mañá comezan a estar listas as primeiras potas de callos.
Xa cara ao mediodía os veciños da parroquia achéganse con potas para levar uns poucos callos ás súas casas.
Á unha ou dúas da tarde os membros da comisión e os voluntarios, que levan dende o día anterior traballando, comezan a xantar.
Sobre as sete comeza a misa na honra de San Cristovo. A igrexa está ateigada de xente, case toda a parroquia está dentro. Fóra, agardando a saída do Santo, colócanse os gaiteiros. Rematada a misa varios veciños collen a imaxe de san Cristovo e saen da igrexa cara á Cerca. Detrás deles van os gaiteiros tocando e máis atrás o resto dos veciños.
Mentres a comitiva vai avanzando os organizadores agardan a chegada do Santo para comezar a servir os callos.
A procesión camiña lentamente cara ao recinto ao son das gaitas. Con coidado pasan o Santo por debaixo da porta e diríxense ata o fondo onde hai un estrado sobre o que colocan a imaxe. Deste xeito San Cristovo vai presidir a comida. As gaitas seguen a tocar varias pezas para honrar o Santo e unha vez rematadas xa se poden comer os callos.
Os comensais deben mercar unha cunca de viño e un pratiño para os callos (ambos os dous de olería de Buño). O resto é gratuíto.
A comida prolóngase ata as dez e media ou once da noite. Durante este tempo, mentres a xente come, moitos devotos achéganse ata a imaxe de San Cristovo para tocalo coa esperanza de que lles conceda algún favor ou simplemente para rezarlle algunha pregaria.
Ao rematar a degustación varios veciños volven coller a imaxe do Santo e lévana outra vez para a igrexa parroquial ao son das gaitas e pandeiretas. Neste momento a xente vai saíndo da Cerca e diríxese cara ao campo da festa onde terá lugar a romaría amenizada por varias orquestras de renome.
O día seguinte, 10 de xullo, é o de San Cristovo. Celébrase a misa principal na honra do Santo cara á unha do mediodía e ao acabar vóltase sacar a imaxe en procesión. Ao rematar esta, realízase a tradicional poxa das ofrendas dos parroquianos ao Santo nun recuncho do exterior da igrexa. Pola noite continúan os festexos no campo da festa coma no día anterior.
O 11 de xullo aínda continúan as celebracións. Desta vez o patrón é San Bieito e tamén se lle fai unha misa seguida de procesión na que curiosamente se leva a imaxe de San Cristovo presidindo a marcha, como Santo Patrón que é da parroquia.

Lugar de celebración

A Cerca

A igrexa parroquial de Carnés é o eixe arredor do cal se asenta o núcleo máis populoso e dinámico desta parroquia. É tamén neste lugar onde están ubicados a maior parte dos espazos relixiosos e curiosamente todos eles teñen unha estreita relación co Santo Patrón, San Cristovo. Na igrexa teñen lugar os rituais relixiosos do día do Santo: misa, procesión e poxa.
A tradición da poxa documéntase dende principios do século XVII. Celébrase o día 10, con posterioridade ás celebracións relixiosas, e véndense os polos e pitos que os fieis lle levan a San Cristovo como ofrenda pola súa intercesión para a curación dalgún vulto ou quiste. Nos últimos anos este costume vai diminuíndo e os fieis prefiren cumprir as súas ofrendas en efectivo, dándolle ao Santo diñeiro en metálico.

Case a carón da igrexa, no centro da praza do lugar, atópase o cruceiro que tamén garda certa relación con San Cristovo.

Un pouco máis arriba está o singular espazo coñecido como a Cerca. Este recinto foi construído no 1832 a petición da Confraría de San Cristovo (que orixinariamente era a encargada de organizar a festa) para evitar que durante a comida persoas non confrades se aproveitasen da gran cantidade de xente asistente e participasen na mesma. Trátase dun recinto rectangular pechado por un alto muro que no interior posúe outro muro de pedra a modo de mesa e unha casa de pedra de cachotería nun dos extremos. Este é o recinto onde se celebra a Faguía e a casa utilízase exclusivamente para cociñar os alimentos o día da festa. É un lugar de especial significación relixiosa e comunal do que non temos paralelos documentados. A súa importancia simbólica vén remarcada polo ritual de virar a tella que se realiza nel para que non chova o día da festa. Este ritual, con similitudes en toda a costa galega e no norte de Portugal, que era levado a cabo por unha veciña de Carnés coñecida como Carme da Casucha que, segundo ela mesma, é quen tiña o don. O ritual de virar a tella lévase a cabo cando o día da festa da Faguía chove ou orballa. Nestas condicións Carme diríxíase á casa da Cerca ataviada cun escapulario que herdou dunha tía súa, e comezaba a colocación das tellas. Son seis en total; as tres primeiras colócabaas unhas a carón das outras e o resto deposítanse sobre as anteriores pero orientadas cara a varios ventos: o Nordés, a Travesía e o Vendaval. Mentres fai isto recitaba unhas oracións. Logo de efectuado este rito debe dirixiase á igrexa parroquial e rezaballe dándolle as grazas a todas as imaxes de santos existentes na mesma. Segundo os informantes o ritual de virar a tella ás veces dá resultado e ás veces non.
A Pedra do Noco ou Pedra de San Cristovo é outro elemento esencial en relación co Santo. Hoxe en día non quedan máis que restos do que foi orixinariamente. Diversos informantes falan dela como unha pedra moi bonita e pulida que utilizaban os rapaces para xogar escorregando por ela abaixo. Segundo un informante había nela varios gravados ao pé de San Cristovo e o mulido da Virxe María.

A tradición cóntanos que certo veciño (coñecido por todos) decidiu utilizar a Pedra do Noco para a construción dun cabazo. A xente advertiulle que non fixese tal cousa porque era a pedra do Santo, pero el fixo caso omiso, esnaquizou a pedra e utilizouna como material de construción. Ao pouco tempo el, segundo algúns informantes e, segundo outros, o seu fillo, quedou tullido, debido á intervención do Santo, pagando así pola súa ofensa.

Outro lugar de relevancia en relación co Santo é a Fonte de San Cristovo. Este manancial está nas agras inmediatas ao lugar de Campolongo. Trátase dunha especie de poza da que mana auga. Hai tamén un cruceiro erixido sobre un pequeno muro que divide dúas leiras dedicadas a prado. En tempos pasados, segundo información recollida entre os veciños de Campolongo, facíase, o día da festa, unha comida no campo que rodea a fonte. As augas eran ademais milagreiras. Varios informantes contan que hai tempo un veciño decidiu cortar un piñeiro que caeu accidentalmente sobre o cruceiro partíndolle un brazo á cruz. Un tempo despois esta persoa perdeu tamén un dos seus brazos. Co tempo outro familiar volveu ter problemas con outro dos seus brazos e a familia decidiu repoñerlle o brazo que lle faltaba á cruz da fonte. Hoxe en día o lugar está practicamente esquecido pola maior parte dos veciños e a tradición da comida hai moito tempo que se perdeu. A fonte está oculta entre as herbas e as silveiras e o cruceiro ten, efectivamente, un dos seus brazos reconstruídos en cemento.

O último lugar relacionado co Santo Patrón é a ponte sobre o río de Carnés, próxima á zona de Codeseiras. Un conto popular fala dun cura que era contrario á celebración da Faguía. Ao sacerdote, volvendo un día de Cereixo, xusto ao pasar a ponte de Mouzo, encabritóuselle a besta e tirouno ao chan. O cura morreu da caída e os veciños unha vez máis atribuírono á intervención de San Cristovo pola ofensa cometida.

Orixe da festa

Procesión na Faguía de Carnés

A festa ten a súa orixe na fundación da Confraría de San Cristovo de Carnés no ano 1608. Os confrades debían pagar unha cota anual ou caridade destinada a garantir o mantemento do culto que xustifica a existencia desta confraría e toda unha serie de actividades asociadas: misas, comidas de confraternización, gastos de enterros dos confrades,... A primeira lista de confrades consta xa duns 80 membros, maiormente homes pero tamén mulleres, procedentes sobre todo de Carnés, aínda que tamén aparecen persoas de Braño e de Santiago de Traba. Vemos que a procedencia dos confrades non se circunscribe só ao ámbito parroquial, polo que debía de ser un culto importante na zona xa con anterioridade á fundación da institución.

A aparición da obriga de facer unha comida de vésperas e unha festa o día do Santo nos estatutos fundacionais dá unha idea da grande importancia que tiñan estes eventos dende o principio.

Dende os primeiros anos temos xa unha serie de elementos que seguirán aparecendo en torno á festividade ata o momento actual: unha comida comunitaria nas vésperas do patrón, a celebración da misa, procesión e romaría o 10 de xullo e a realización dunha poxa.
Co tempo a confraría de San Cristovo vai crecendo tanto en número de confrades coma en ingresos. Xa no século XVIII as procedencias dos confrades diversifícanse enormemente. Así, temos xente das parroquias de Carnés, Leis, Carantoña, A Ponte do Porto, Camariñas, Xaviña, Cereixo, Vimianzo, Berdoias, Cambeda,... Algo non habitual pola dificultade de facer efectivos os cobros das caridades, pero que dá unha idea da expansión e impacto do culto a San Cristovo na zona.

Entre o 1832 e o 1833 procédese á construción da Cerca para evitar que xente allea á confraría se aproveitase da gran cantidade de xente asistente e participase da festa e da comida.
A maioría das confrarías galegas víronse afectadas en primeiro lugar pola desamortización de Mendizábal no 1836, que mingou enormemente o patrimonio das institucións eclesiásticas. Ademais, a creación dos municipios en 1837 deixou sen contido xurídico as antigas parroquias e por ende as institucións baseadas na división parroquial como era o caso de moitas confrarías. Por outra banda, os últimos anos do século XIX e principios do XX coinciden cunha época de fame e carestía, polo que non é complicado supoñer que moitos confrades tivesen problemas á hora de pagar as caridades, cousa que redundaría no endebedamento das confrarías e que as levaría incluso á desaparición.

Foi nesa época cando se comeza a concibir a festa como unha comida para os pobres. Descoñécese a verdadeira razón deste cambio, pero temos referencias xa dende os primeiros anos da Confraría de entregas de centeo aos pobres nas vésperas do Santo. É posible que este pequeno acto caritativo fose o xerme da comida dos pobres e que fose adquirindo importancia co tempo. Ademais, esta época coincide, como xa dixemos, co fin da vida oficial da Confraría e cunha época de crise económica e fames que puideron incentivar a vertente caritativa da festividade.
Para coñecer realmente como transcorría a festa temos que acudir ás referencias orais dos veciños de máis idade. Segundo as súas informacións sería tal e como indicamos a continuación.
Dende uns días antes acudían pobres de toda a zona de Carnés, o 9 de xullo xuntábanse na Cerca e repartíaselles unha ración de arroz, un anaco de pan que se cocía no forno da caseta situado no interior da Cerca e un pouco de viño. Posteriormente, segundo algunhas testemuñas xa antes da Guerra Civil, en lugar de arroz comezáronse a servir callos, coma na actualidade. Varios veciños de Carnés recordan debullar o millo que se pagaba á Confraría e que se levaba máis tarde a vender para recadar o diñeiro da comida.

Os pobres situábanse ao redor do muro da Cerca, fronte ás mesas corridas de pedra, e na cabeceira, diante da caseta, sentaban o cura, o médico e as principais personalidades da parroquia. Estes eran os que debían iniciar a comida para que os pobres comprobasen que os alimentos estaban en bo estado, pero parece que estes personaxes realmente non comían, senón que facían unha escenificación para dar exemplo aos pobres. Moitos dos comensais traían potas que enchían e levaban despois para ás súas casas como unha maneira de asegurar o sustento para os seguintes días.
Os veciños non comían cos pobres, senón que se limitaban a observalos, facer comentarios graciosos e ás veces incluso ridiculizalos.
Unha vez rematada a comida comezaba a festa amenizada nun principio por gaiteiros e posteriormente por orquestras. Nalgún momento incorporouse o costume de levar a San Cristovo en procesión ata a Cerca para que presidise a comida, tal como se fai hoxe en día.

No día propio do patrón, o 10 de xullo, celebrábase tamén unha misa e unha romaría. Ademais, a xente chegada doutras parroquias celebraban comidas e merendas nos campos das inmediacións, principalmente en torno á fonte de San Cristovo en Campolongo e á do Cidral en Carnés.

Esta concepción da festa manterase ata a década dos 70 cando, á raíz da recuperación económica da comarca propiciada polos cartos chegados da emigración europea e do progresivo falecemento dos pobres que tradicionalmente se achegaban á festa, deixou de celebrarse.

Orixe do termo Faguía

A primeira noticia documental na que se alude á comida da Confraría de San Cristovo de Carnés usando o termo faguía atópase no Libro da confraría e data do ano 1832 : (...) los citados cofrades concurrían a un monte o campo abierto a (...) aprovecharse de las pitanzas o faguías que eran de costumbre(...).
Neste texto o termo aparece asimilado a pitanza, é dicir, ración de comida ou esmola que os confrades dun santo daban aos pobres coincidindo coas as festas ou romarías.

No Gran Diccionario Xerais da Lingua pódese atopar unha definición interesante: Faguía: cota mensual que se paga en certas confrarías. Nesta fonte o termo aparece relacionado co fenómeno das confrarías, pero lonxe da acepción de comida. Non debe resultar estraño que esta verba puidese sufrir unha extensión no seu significado e pasase a designar non só as cotas que se pagaban ás confrarías, senón tamén as comidas das mesmas, xa que na maior parte dos casos as cotas eran destinadas integramente a sufragar os gastos dos convites.
Chegamos á conclusión de que a palabra faguía pasou de ser un termo xenérico para designar as comidas comunais a ser un denominador da comida concreta que se celebraba en Carnés nas vésperas de San Cristovo.

A realización oral do termo non é allea ás características dialectais do galego presentes na zona: os veciños de Carnés pronuncian a palabra con gheada.

Reportaxe audiovisual

A festa da Faguía de 2019 recibíu unha subvención ao abeiro da RESOLUCIÓN do Resolución do 5 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións a concellos de apoio, promoción e difusión das festas declaradas de interese turístico de Galicia, e se convocan para o ano 2019.

E foi asinado un convenio de colaboración entre a Axencia de Turismo de Galicia, Abanca Corporación Bancaria e o Concello de Vimianzo para a celebración da Festa da Faguía de Carnés 2019.







Ligazóns