Os megálitos
Os megálitos son enterramentos das xentes que viviron nas nosas terras entre o 4000 e o 2000 a.C.
Era xente que non coñecía os metais, excepto na fase máis tardía, e que xa practican a agricultura e a gandería, aínda que a recolección de produtos silvestres e a caza son actividades cun importante peso na súa subsistencia.
Estas tumbas son colectivas, é dicir, nelas están enterradas varias persoas.
Nelas soe depositarse un enxoval composto por unha serie de obxectos como vasillas cerámicas, puntas de frecha, machados pulimentados...
O Monumento
A variedade de monumentos megalíticos é enorme. Soen ter estruturas arquitectónicas complexas. Un exemplo característico pode ser o seguinte:
Un conxunto de grandes pedras formando unha estrutura pechada similar a unha casa que se denomina anta ou dolmen. No seu interior estarían depositados orixinariamente os corpos dos mortos co seu enxoval.
Posteriormente a cámara recóbrese cunha capa de terra e outra de pedras, que forman a coiraza.
Orixinariamente presentaría un aspecto similar ao que vemos arriba.
O abandono do monumento e o paso do tempo fan que sobre el vaia crecendo a vexetación e se acumule terra, que acabará por ocultar a estrutura orixinal. Tamén é frecuente a presenza dun burato no centro provocado polas escavacións furtivas na crenza de que nas mámoas se agochaban tesouros.
A Mina
- Saída: Castelo de Vimianzo.
- Kms: 6,3
- Tempo estimado: 6 minutos (en coche).
- Parroquia: Carantoña.
- Cronoloxía: 4000-3000 a.C.
- Características:
Trátase dunha mámoa violada, pois en 1936 foi obxecto de escavacións clandestinas realizadas por buscadores de tesouros. O mal estado deste túmulo pódenos servir para comprender na práctica a integración da anta no corpo da mámoa. - Como atopalo:
Sáese do castelo de Vimianzo con dirección a Fisterra e no primeiro cruce que atopamos collemos á dereita en dirección Camariñas. Seguímos a estrada e a 6 quilómetros collemos á dereita no cruce que indica "Laxe". A 300 metros á man dereita vemos un cartel que indica a situación do dolmen. Para acceder a el collemos a pista de cemento que nos leva a unha casa diante da cal hai un sendeiro que se adentra no monte e nos leva ao dolmen.
Pedra da Arca
Saída: Castelo de Vimianzo.
Kms: 18,5
Tempo estimado: 20 minutos (en coche).
Parroquia: Baíñas.
Cronoloxía: 4000-3000 a.C.
Características:
Nun dos esteos da cámara aparecen restos de gravados en forma de U ou V e tamén hai restos de pintura (manchas de cor vermella). É unha das antas máis grandes de Galicia tanto polo volume das lousas como pola amplitude do diámetro da súa mámoa. A tapa de cubrición pesa doce toneladas.
Como atopalo:
Sáese do castelo de Vimianzo en dirección Fisterra. A uns 8 quilómetros está o cruce cara a Muxía e Negreira. Collemos en dirección Negreira ata chegar a Baíñas, onde atopamos un cruce no que un cartel indica a situación do dolmen á man dereita. Seguimos esa estrada ata ver un cartel que indica o dolmen nunha pista á esquerda. Continuamos a pista atravesando unha ponte e a uns metros, nun prado á man esquerda, atopamos o dolmen.
Casota de Berdoias
Saída: Castelo de Vimianzo.
Kms: 9,3
Tempo estimado: 15 minutos (en coche).
Parroquia: Berdoias.
Cronoloxía: 2500-2000 a.C.
Características:
Pola forma, a ausencia de corredor e a estrutura tumular, forma parte do grupo de arcas megalíticas, antecesoras das cistas da Idade de Bronce. Nos esteos aprécianse gravados de coviñas e tamén de cruces.
Como atopalo: Sáese do castelo de Vimianzo en dirección Fisterra. A uns 8 quilómetros está o cruce cara a Muxía e Negreira. Para acceder á aldea de Berdoias collemos en dirección Negreira; a uns poucos metros á man dereita hai un cartel que indica a ubicación do dolmen nunha pista estreita. Cruzamos a aldea e ao chegar a unha pista de terra seguimos por ela uns 900 metros e atopamos o dolmen.
Pedra Cuberta
Saída: Castelo de Vimianzo.
Kms: 7,1
Tempo estimado: 15 minutos (en coche).
Parroquia: Treos.
Cronoloxía: 4000-3000 a.C.
Características:
É un dos monumentos megalíticos mellor coñecidos de Galicia debido aos estudos que Georg e Vera Leisner realizaron nos anos 30 sobre a decoración pictórica do corredor: debuxos de cor negra e vermella sobre fondo branco, así como representacións serpentiformes, ondulados e círculos concéntricos. As pinturas atópanse entre as representacións máis importantes da arte megalítica europea.
Como atopalo: Sáese do castelo de Vimianzo en dirección Fisterra e no primeiro cruce que atopamos collemos unha pista á esquerda. Seguimos a pista ata chegar á Areosa e alí atopamos un desvío á esquerda cun indicador que sinala "Pedra Cuberta e Xora". Collemos esa pista e a 200 metros xiramos á dereita e continuamos ata chegar ao cartel que indica o dolmen.
Pedra da Lebre
Saída: Castelo de Vimianzo.
Kms: 8,1
Tempo estimado: 20 minutos (en coche).
Parroquia: Serramo.
Cronoloxía: 4000-3000 a.C.
Características:
É de grandes proporcións. Tipoloxicamente pertence ao grupo dos monumentos de cámara poligonal e corredor curto. O grosor medio dos grandes esteos está por enriba dos 70 cm.
Como atopalo: Seguimos os pasos para atopar Pedra Cuberta ata chegar á Areosa e alí, en lugar de coller cara a Pedra Cuberta ou Xora seguimos a estrada e a 100 metros hai un cruce no que collemos á dereita ata chegar ao cartel que indica "Xallas (Serramo)", no que xiramos á esquerda ata chegar á igrexa de Serramo, onde hai un cruce no que collemos á esquerda. Dende este cruce contamos 700 metros e á esquerda hai un eucaliptal no que se atopa o dolmen (para atopalo facilmente recoméndase contar os 700 metros xustos).
Pedra Moura
Saída: Castelo de Vimianzo.
Kms: 9,8
Tempo estimado: 25 minutos en coche e 10 a pé.
Parroquia: Serramo.
Cronoloxía: 4000-3000 a.C.
Características:
A anta sitúase no centro dunha mámoa duns 15 metros de diámetro. Presenta restos de pintura no inicio do corredor.
Como atopalo: Facemos o mesmo percorrido que para ir á Pedra da Lebre e continuamos pola mesma estrada onde se atopa este dolmen. Chegamos a un desvío no que hai un cartel que indica "Cárneo, Colúns e Treviño". Ao pasar este cruce a uns metros atopamos unha pista de pedra á esquerda, seguímola 500 metros ata un desvío á dereita (aquí é onde debemos deixar o coche). Camiñamos por este sendeiro uns 10 minutos ata un prado no que hai dúas chantas na entrada, e no alto podemos ver o dolmen.
Información sobre a Ruta dos dolmens
DESCARGAS
Poderá descargar APP e folletos para ampliar información dende o apartado de
DESCARGAS.