O máis salientable da Igrexa de Santiago de Cereixo é a porta do muro sur, onde o tímpano contén unha representación da traslación do corpo do Apóstolo Santiago a Galicia, aTraslatio Beati Iacobi, nunha barca de pedra acompañado por sete discípulos, navegando sobre un mar de ondas esquematizadas. No interior do bote, sobre a borda, está un corpo xacente, que correspondería ao Apóstolo Santiago, e máis atrás, as sete figuras alineadas dos discípulos. A central é a de maior tamaño e sostén unha especie de báculo, os dous personaxes contiguos estenden os seus brazos cara a figura tendida, nun xesto co que o artista puido querer representar unha actidude de protección cara o corpo. As outras catro figuras ocupan os extremos, dous a cada lado, son de menores dimensións e soamente se observan as súas voluminosas cabezas.
Esta escena fai desta peza unha creación única, non só dentro do románico galego, senón de toda España, xa que soamente se conservan catro obras románicas nas que se trata este tema, e dúas delas son galegas (a outra é unha moeda atopada nunha necrópole no Grove-Pontevedra). Ao ser de distinta época que o interior do templo, o seu autor tamén é distinto. É posible que fose o mesmo que realizou o tímpano de Moraime, no municipio veciño de Muxía, un canteiro vascón chegado de terras francesas como tantos outros que participaron nas obras da catedral de Santiago de Compostela, e posteriormente estenderon o seu traballo por estas terras. A calidade do relevo é moi notoria polo gran realismo e as sinxelas formas que o escultor imprimiu neste traballo no que esculpe, por exemplo, as ondas que mecen a barca que traslada o corpo do Apóstolo acompañado polos seus discípulos.
O tímpano está apoiado nas xambas da porta. Está rodeado por dúas arquivoltas de medio punto, moi similar á arquivolta menor da porta meridional de Moraime, de ahí que se pense que pertenza ao mesmo autor. Ocupando a clave desta arquivolta aparece un personaxe imberbe, con larga vestidura talar que o cobre dende o pescozo ata os pés. Na cabeza leva unha mitra puntiaguda, sostén un báculo de remate curvo na súa man esquerda e levanta a dereita en actitude de bendecir. Trátase dun personaxe eclesiástico, posiblemente un abade ou un bispo. O arco maior cóbrese con unha decoración de circunferencias secantes, como as das basas desta mesma porta, un motivo de limitada extensión no románico galego.
Na clave disponse unha nova figura moi deteriorada. Trátase dun anxo coas alas despregadas, que parece voar sobre a escena. Nunha das súas mans porta un incensario, que, por necesidades de adaptación no marco, disponse horizontalmente indicando un movemento pendular. Os anxos turiferarios non son alleos ao románico, xa que dende comezos do século XII os atopamos en distintos motivos, por exemplo, no tímpano esquerdo da portada de Praterías, en Compostela. A pesar do deterioro da obra e da tosquedade da labra, a interpretación da escena do tímpano de Santiago de Cereixo non plantexa ningún problema. Distínguese claramente que se trata da traslación dos restos de Santiago na barca, acompañado de sete discípulos, o que a fai unha peza única dentro do románico de toda España.
Tamén é moi relevante o conxunto de canzorros baixo o alero que se conservan no exterior do muro sur da nave. Animais, representacións vexetais e humanas (acróbatas, lectores, alusións ás Sagradas Escrituras…) aparecen nunha sinfonía pétrea singular na zona. Este tipo de imaxes nas que se plasman os vicios e pecados, especialmente os da carne, foron moi abundantes no románico rural galego e xeralmente están dispostas nos marxes das igrexas, sobre todo nos canzorros, o marco no que se desenvolverán numerosos temas marxinais, pecaminosos e mundanos, marcando así os límites do profano e advertido aos fieis de que era indigno de entrar no espacio sagrado do interior do templo se caera en pecado ou se cometera algunha impureza.
A fachada da igrexa, de esquema xeométrico sinxelo, acubilla o acceso principal cun tímpano exento de decoración. O arco de medio punto descansa sobre capiteis de decoracións vexetais soportado por columnas acobadadas. Sobre el, un pequeño van ilumina o coro alto, rematado por una espadana de traza sinxela, engadida nun momento posteior.
A volumetría do seu conxunto lembra a de outros modelos do románico rural que se atopan no mesmo municipio de Vimianzo como as igrexas de San Miguel de Treos, San Sebastián de Serramo e Santo Antoíño de Baíñas.