O paseo fluvial percorre o casco urbano de Vimianzo á marxe do río Cambeda -un regato do río Grande- por onde se pode realizar un agradable paseo, e ao mesmo tempo descansar nos bancos colocados ao longo do sendeiro.
Foi construído polo Concello de Vimianzo entre 2014 e 2015, cunha lonxitude inicial de 600 metros, que se irá completando no futuro. Ademais de rehabilitar unha zona moi degradada nas inmediacións do centro escolar para convertela neste espazo de ocio, levouse a cabo unha limpeza do río, que realza así a beleza desta paisaxe.
Os camiñantes poden gozar dun paseo saudable calquera día do ano e contemplar ao mesmo tempo a paisaxe natural durante todo o traxecto a carón deste río de augas tranquilas. A senda apenas ten pendentes durante toda a traxectoria, polo que se pode percorrer sen ningunha dificultade.