O Pazo de Trasariz é un fermoso conxunto pacego no que conflúen arquitectura e paisaxe. Atópase a escasa distancia do centro urbano e moi preto do símbolo arquitectónico de Vimianzo: o castelo medieval. Trátase dunha gran casa de planta rectangular que destaca polo seu pórtico de oito arcos, apoiados en columnas por capiteis dóricos, que forma unha verdadeira xoia da arquitectura pacega galega, e cunha historia ligada ao castelo.
Tamén son moi rechamantes o seu amplo balcón e as inmensas chemineas. Na parte que dá ao norte ten adosada unha capela barroca do século XVII -a capela da Virxe da Soidade- que ten entrada directa dende o interior do pazo e tamén dende o exterior. Esta capela privada, con xambas e lintel ben moldurado na súa fachada -onde tamén se pode ver o escudo coas armas dos Caamaño e Villar- bríndalle aínda unha maior maxestuosidade a todo o conxunto.
O Pazo de Trasariz foi fundado na segunda metade do século XVII pola Casa de Altamira, representada por Antonio Caamaño e Quintana, que no ano 1695 era alcaide dos estados de Altamira. Esta propiedade transmítese de xeración en xeración dentro da Casa dos Caamaño, de ahí que tamén se coñeza como Casa Señorial dos Caamaño. No século XIX pasa polas mans das familias Ardeleiros e Teijeiro, e no ano 1880 Andrés Paz Fernández, avó do actual propietario José Romualdo Nogueira-Paz, compra a propiedade e as leiras anexas.
Ao ser de propiedade privada, este monumento non é visitable actualmente. Constitúe un conxunto de grande atractivo e especial harmonía, onde conflúen elementos tan dispares como as espectaculares chemineas ou un balcón de pedra con columnatas, ata unhas enormes palmeiras diante da fachada que o caracterizan tamén polo gusto indiano, típico dos emigrantes con fortuna do século XIX.