Carballo de Cereixo

A Igrexa

ARQUITECTURA

A igrexa parroquial de Santiago de Cereixo é un dos mellores exemplos da arte románica da Costa da Morte. A súa construción pénsase que data de finais do século XII e comparte algunhas características cos templos de Xaviña (Camariñas) e Leis (Muxía), onde é probable que traballasen os mesmos artistas. Os estudosos falan da posibilidade de que canteiros que traballaran na catedral de Santiago, participasen despois nas obras do Mosteiro de Moraime (Muxía) e logo acometesen a edificación de numerosas ermidas e igrexas rurais por toda a Costa da Morte entre as que estaría a de Cereixo.Na construción da igrexa parece que participaron polo menos 2 mestres ou obradoiros diferentes. O primeiro, de influencia Compostelán, faría a zona da ábsida e o segundo sería o responsable da famosa portada sur e tamén da entrada principal polo lado oeste. Este segundo artesán estaría relacionado co tímpano da última cea da igrexa de Moraime.

VARIANTE DO CAMIÑO A SANTIAGO

A presenza do culto a Santiago en Cereixo, moi preto de Muxía, un dos santuarios con maior tradición Xacobea, fixo que o estudoso Xosé María Lema formulase a hipótese de que puidera existir un camiño secundario de peregrinación a Compostela. A ruta iniciaríase na ría de Camariñas e continuaría remontando o curso do Río Grande por onde hai unha serie de santuarios adicados á Virxe María, moi relacionada co culto Xacobeo. Algúns destes templos son a Nosa Señora de Castrobuxán (Calo), a Ermida da Peregrina da Lagoa (Salto), a Nosa Señora de Montetorán (Bamiro) ou a Nosa Señora da Ermida Vella (Tines).

TRASLATIO BEATI IACOBI

Na porta Sur da igrexa parroquial de Santiago de Cereixo aparece a representación máis antiga da traslatio do corpo do apóstolo Santiago. Segundo a tradición recolleita no Codex Calixtinus (século XII), despois do martirio do Apóstolo, os seus discípulos, os chamados sete varóns apostólicos, roubaron o corpo do santo e, no porto de Jaffa, metérono nunha barca que foi guiada pola man de Deus ata chegar a Galicia. Esta é precisamente a escena representada na igrexa de Cereixo. No tímpano vese unha barca de madeira sobre as ondas. Dentro está corpo de Santiago, en posición horizontal, rodeado polos sete discípulos e na clave do tímpano aparecen as figuras dun bispo co báculo na man e un anxo que parecen presenciar a escena.

Ligazóns



Concello de Vimianzo
COOKIES
Este sitio utiliza cookies para proporcionar os nosos servizos e realizar análisis de uso e de medición de nosa web. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou ben coñecer como cambiar a configuración do seu navegador, pulsando na nosa Política de Cookies | ACEPTAR X