Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
Achégase o verán e con el, o calor do lume dos fachos da revolta do Asalto ao Castelo de Vimianzo. A súa vixésimoterceira edición celebrarase o sábado 7 de xullo, cunha semana de actividades previas nas que non falta a música, o teatro, a gastronomía e mesmo o deporte.
O Asalto ao Castelo de Vimianzo non é unha festa histórica. Na celebración fúndese o actual coa inspiración medieval das revoltas das irmandades, co seu espírito reivindicativo e de loita, como naceu en 1996. O espírito asociativo segue vivo, involucrando a toda a vila que traballa durante todo o ano con entusiasmo e agarimo para realizar esta festa feita polo pobo, na que ninguén se sinte estranxeiro.
550 anos do histórico ataque ao castelo
No marco da celebración do 550 aniversario da Guerra Irmandiña (1467-1469), este ano rememórase o momento do ataque histórico á fortaleza. Este feito e a propia historia do castelo viviranse teatralmente na representación nocturna do Asalto ao Castelo e na Historia Dramatizada do castelo.
Na representación, dirixida por Soraya Lema con actrices e actores voluntarios da comarca, vívese o momento no que a Santa Irmandade está impoñendo a Xustiza no reino de Galicia e, especialmente, na Terra de Soneira, trala victoria irmandiña en moitos castelos. A familia Moscoso non deixará tan facilmente que o pobo se goberne a si mesmo. Non quedará outro remedio que atacar o castelo de Vimianzo, o refuxio dos malfeitores. A actualidade estará presente coma sempre na peza teatral que rematará coa tradicional batalla no foso do castelo con globos de auga e o ariete derrubando a porta da fortaleza. Como novidade, este ano realizarase unha preestrea da peza no auditorio vimiancés o mércores 4 ás 21h30.
Previamente, pola tarde, no patio do castelo, alumnado do IES Terra de Soneira dará vida á historia da fortaleza: Dos Feitos e Desfeitos que estas Pedras Viviron, dos Tempos das Cantigas aos do Electrolatino. Alén diso, as propostas do Concello de Vimianzo na fortaleza completan a parte histórica con visitas guiadas no castelo todos os días ao mediodía e visitas teatralizadas o domingo 8 co grupo Os Quinquilláns.
Maior calidade nos Pinchos Irmandiños
Do martes 3 ao sábado 7 de xullo, dezasete locais hostaleiros da vila ofrecen petiscos singulares nos que non se pode utilizar ingredientes que non existisen na Idade Media galega. Nunha aposta pola calidade e mellora constante do certame dos XI Pinchos Irmandiños, o equipo Guitián & Mayer asesorou e valorou previamente as propostas para que acadasen un nivel satisfactorio. Ademais este ano o concurso contará cun xurado anónimo, ademais do público, que valore os diferentes petiscos pola súa creatividade, calidade, presentación...
A outra gran base gastronómica da festa é a IX Cea Medieval, que esgotou as súas entradas en poucas horas este pasado luns. Perto de medio cento de persoas ceará o venres 6 de xullo no foso do castelo, vestidos de época e podendo gozar das actividades de animación, e xa despois aberto a todo o público o concerto do grupo Carapaus. Antes de comezar a cea terá lugar o Enlace irmandiño, unha voda singular de inspiración medieval pero ao xeito do Asalto.
Todo un día de actividades
O Asalto non é unha festa nocturna, é unha festa para todas as idades que se celebra durante todo o día. O sábado 7 de xullo comezará a Feira Artesanal a partir das 10h no centro da vila con diferentes actividades que amenizarán a xornada. Entre elas hai que destacar o Asaltiño, o ataque ao Castelo para os máis pequenos que comeza na praza e remata no propio foso como os maiores. A batalla de auga é o elemento máis divertido desta cita que é todo un éxito de público. Outra actividade recente, pero fundamental, é o desfile das Irmandades Parroquiais, abertas á participación de toda a Terra de Soneira histórica (concellos de Camariñas, Vimianzo, Zas, Laxe e parte de Cabana). Este desfile de tropas irmandiñas chegadas de diferentes parroquias acabarán na praza do concello, reuníndose para o ataque final da noite, a lectura do pregón e o izado da bandeira irmandiña. Lembramos que está aberto o prazo para inscribirse nesta actividade, na Feira Artesanal e no IV Concurso de Fachadas que ambienta a vila durante a celebración.
Música por todas partes
Tralo concerto do venres, o sábado toma o relevo musical cunha sesión vermú na praza do Concello con Trampulleiro e música nas rúas con diferentes sons tradicionais e de músicas do mundo. Xa á noite no Campo da festa animarán os irmandiños as pandeiretas de Ialma, galegas afincadas en Bruxelas. Unha vez asaltado o castelo, a música continúa coa nostalxia dos Inmaculate Fools, os éxitos de Amparanoia e o punk festeiro de Terbutalina.
... e deporte
O sábado 30 de xuño ás 21h quedará inaugurado o Asalto ao Castelo coa celebración da carreira nocturna da Legua Irmandiña. Trátase da cuarta edición dunha carreira popular vertebrada co Castelo e cunha distancia baseada nas antigas unidades de medida con distintas modalidades para todas as idades.
Organización
O Asalto ao Castelo ten detrás o traballo da veciñanza e de asociacións sen ánimo de lucro. Cherinkas, AXVALSO e o Concello son as entidades sobre as que recae o peso principal deste evento, mais outros colectivos da vila e comarca fan posible a celebración da festa.
Mais info