Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
O pasado 20 de abril, representantes do Concello participaron dun foro internacional de turismo dentro da feira B- Travel de Barcelona. Convidado pola Deputación da Coruña, o municipio vimiancés foi o único representante da provincia en presentar unha actividade propia, espertando moito interese entre os asistentes do foro, expertos profesionais da xestión e promoción turística.
Vimianzo defendeu un dos piares básicos da súa estratexia turística, baseada na promoción e divulgación do seu nutrido Patrimonio Cultural. Nun contexto de análise sobre o Turismo Industrial, o concello expuxo un itinerario cultural e de aproximación ás manufacturas históricas, co conxunto do Mosquetín como modelo de industria tradicional e a artesanía do Castelo na reivindicación dos vellos oficios.
O relatorio reivindicou a sustentabilidade dun turismo baseado na cultura, coherente e orgulloso da súa identidade. Un discurso que causou moi boa impresión entre os participantes dun foro con representantes de destacadas institucións culturais e turísticas como oAyuntamiento de Segovia, el Patronato Costa Blanca de Alicante, Turismo de la provincia de Sevilla ou Save Industrial Heritage (Italia). A labor en materia de cultura e promoción do Patrimonio foi especialmente aplaudida e admirada pola súa calidade e intensa actividade ao longo de todo o ano.
A marca cultural de Vimianzo volverá a destacarse a próxima fin de semana noutra feira turismo nesta ocasión na Guarda (Portugal), concretamente na FIT, a Feira Ibérica de Turismo.