Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
III Duatlón de Reis Concello de Vimianzo.
O pasado domingo viviuse un espléndido día de deporte na parroquia vimiancesa de Salto coa celebración do III Duatlón de Reis que congregou a numeroso público na zona de meta en Castromil. Un pouco despois das once da mañá o alcalde Manuel Antelo dou a saída a proba na que participaron un total de 92 deportistas entre os que destacaba o actual campión galego de ciclocros na categoría MA 40, José Vicente Formoso Otero “Triki”. Tamén participou na proba a subcampiona galega absoluta de triatlón cross 2011, Marta Barbeito, ademais doutros triatletas galegos de nivel. A saída foi espectacular xa que os corredores mostraron dende o primeiro momento que non viñan de paseo e imprimiron un ritmo moi alto. Xa dende o inicio colleron a cabeza do pelotón “Triki” (dorsal 64) e José Manuel Pardo (dorsal 31). Seguindo a estes dous corredores aínda que un pouco máis retrasado colocábase Fermín Leira (dorsal 80). Neste orden fixeron o seu primeiro paso por meta cun tempo de 15 minutos. Por detrás formábase un grupo con varios corredores da zona como David Calzas de Vimianzo, Andrés Eirís de Carballo ou César Vázquez de Zas.
Ían 32 minutos cando os primeiros fixeron o segundo paso por meta. José Vicente “Triki” aumentou un pouco a súa vantaxe con José M. Pardo e aínda máis con Fermín. O grupo perseguidor mantiña a distancia. Nesta mesma posición chegaron á terceira volta na que os corredores fixeron a transición para facer os últimos 9 quilómetros correndo a pe. Neste momento o ciclista muradán “Triki”, sacáballe 2 minutos ó segundo, José M. Pardo, e case 5 a Fermín Leira. O grupo perseguidor chegaba a zona de transición con algo máis de 7 minutos de diferenza con respecto ó primeiro.
Foi nesta parte da proba cando máis se moveu a carreira e así nunha espectacular remontada José M. Pardo alcanzou e superou a José Vicente “Triki”, gañando a proba cun tempo de 1 hora e 23 minutos. Outro que fixo un tramo espectacular a pe foi Andrés Eirís que conseguiu superar a 4 corredores acadando a terceira posición final. En cuarta posición entrou César Vázquez co dorsal 25. O primeiro corredor vimiancés en cruzar a liña de meta foi David Calzas (Tines) nunha meritoria décimo segunda posición.
Na categoría feminina a primeira clasificada foi Marta Barbeito (posición 42 na xeral), segunda entrou Silvia Deira (posición 63 na xeral) e terceira foi a vimiancesa Victoria Fernández (posición 74 na xeral).
A nota emotiva púxoa Xoan Carlos Pérez que fixo toda a proba acompañado da súa filla duns tres anos de idade. No tramo de bicicleta levábaa nunha cadeira especial para nenos e no tramo de carreira a pe nun carro de bebés adaptado para a carreira. A parte final fixérona os dous correndo da man.
Ó redor da unha e media do mediodía remataba a proba e comezaba a entrega de trofeos para os gañadores. O alcalde Manuel Antelo, os concelleiros Fernando Mancebo e Anselmo Ramos, o técnico de deportes do concello, Víctor Santos, e a tesoureira da Asociación Neira Marcos de Salto, Rosa Pose foron os encargados da entrega de trofeos.
Resumo dos gañadores e gañadoras:
Categoría feminina:
• 3ª clasificada: Victoria Fernández, de Vimianzo (posición 74 na xeral)
• 2ª clasificada: Silvia Deira, de Boiro (posición 63 na xeral)
• 1ª clasificada: Marta Barbeito, de Oleiros (posición 42 na xeral)
Categoría masculina:
• 3º clasificado: Andrés Eirís Barca, de Carballo
• 2º clasificado: José Vicente Formoso “Triki”, de Muros
• 1º clasificado: José M. Pardo Leis, de Arteixo