Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
O BOP de hoxe publica o texto definitivo da Modificación puntual número 4 das Normas subsidiarias do Concello de Vimianzo que se refire ás actuacións urbanísticas no ámbito dos núcleos rurais.
Entrará en vigor en 15 días hábiles, é dicir o 3 de outubro de 2017.
Os obxectivos desta modificación puntual son, por unha banda, o de promocionar as actividades económicas no ámbito rural, facilitando a consolidación e mellora das existentes e a incorporación de novas actividades de pequena indústria vinculadas ao sector primario, e por outra o de garantir a harmonizaciuón dos usos contructivos.
A actuación afecta a 96 núcleos rurais nas 14 parroquias do Concello.
Con esta modificación puntual, auméntase a ocupación máxima dos solares e permítese utilizar a edificabilidade residencial como adxectiva, coa idea de ampliar os alpendres de acordo coas necesidades actuais, permítese acaroar as edificacións, o que significa poñer dentro da legalidade múltiples edificacións tradicionais que compartían medianeira, tamén se consolidan as aliñacións tradicionais consolidadas, en edificacións e muros tradicionais, superando a obriga do retranqueo das Normas subsidiarias.
Esta modificación puntual vai permitir poñer dentro da legalidade moitas edificacións asentadas ao carón das vías rurais que coas Normas subsidiarias estaban fóra de ordenación.
Esta é unha modificación puntual que resolve moitos dos problemas xerados polas Normas subsidiarias, que senta as bases dun futuro PXOM e que da seguridade xurídica á actividade urbanística nos núcleos.
Para o alcalde, Manuel Antelo, esta é unha mostra da aposta do Concello de Vimianzo por unha dinamización económica nos núcleos que busca facilitar a edificación dos solares vacantes e, sobre todo, a rehabilitación das edificacións tradicionais. Tamén é a mostra da aposta clara pola mellora das infraestruturas que lles dan soporte ás actividades económicas propias como a gandaría, a agricultura... e abre novas vías de actividades económicas no ámbito rural para pequenas industrias manufactureiras vinculadas co sector primario.