08-08-2017
O Concello de Vimianzo abrirá o vindeiro xoves o Punto Limpo
O vindeiro xoves día 10 de agosto abrirá o Punto Limpo do Concello de Vimianzo, situado no Parque Empresarial de Vimianzo.
O Concello de Vimianzo está a traballar, dende fai tempo, nun plan de xestión de residuos que permita, por unha banda reducir os importantes custos destinados ao tratamento do lixo, e por outra, contribúa ao coidado do Medio Ambiente fomentando a reciclaxe e evitando os vertedoiros incontrolados.
O primeiro paso deste plan é a apertura dun Punto Limpo no Parque empresarial onde todas as persoas empadroadas no Concello de Vimianzo poderán depositar, de maneira totalmente gratuíta, os residuos que non se poden botar nos colectores de lixo.
Aquelas persoas que teñan que reciclar algún residuo voluminoso pero que, debido ao seu volume ou peso, non o poidan trasladar ao Punto Limpo, terán un servizo de recollida a domicilio unha vez ao mes. Este servizo será o de Punto Limpo Móbil, e tamén será de balde.
Para incentivar o uso do Punto Limpo, premiarase a entrega de residuos no mesmo a través de distintos agasallos por medio dun sorteo.
Para o alcalde, Manuel Antelo, compre que toda a veciñanza se conciencie da importancia de tratar correctamente os residuos, xa que só deste xeito evitaremos os vertedoiros incontrolados e as consecuencias negativas que deles se derivan, tanto estéticas, de salubridade como medioambientais. ao mesmo tempo, o correcto tratamento dos residuos leva parella unha redución dos custes do tratamento do lixo, e así, este aforro pode ser investido en outros ámbitos como a educación, os servizos sociais ou o mantemento das infraestruturas municipais.