Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, realizou hoxe unha visita institucional ao Concello de Vimianzo, que se enmarca na rolda que está a realizar polos concellos da provincia para coñecer as súas necesidades e escoitar as súas demandas.
González Formoso foi recibido á súa chegada polo alcalde de Vimianzo, Manuel Antelo Pazos, os deputados provinciais da comarca José Manuel Pequeño e Manuel Muiño, e os membros da corporación local, cos que mantivo unha xuntanza na que abordaron os distintos plans provinciais e as actuacións que a Deputación está levando a cabo no concello.
Manuel Antelo, eloxiou o Plan Único e a "valentía" de deixar que os concellos decidan onde investir os fondos provinciais. "Non necesitamos tutelas, precisamos colaboracións" apuntou o alcalde e destacou o impulso da Deputación para apoiar a Vimianzo no ámbito turístico, de promoción do patrimonio e para modernizar a administración local.
Pola súa banda, González Formoso agradeceu o apoio do alcalde e subliñou a "importancia dos investimentos provinciais á hora de mellorar as infraestruturas e os servizos dos concellos que contribúen a incrementar a calidade de vida dos veciños".
"Sen Deputación, non hai investimentos nos concellos", sentenciou o presidente e cifrou en máis de dous millóns de euros as achegas provinciais ao municipio de Vimianzo nos últimos dous anos. Un importante investimento que permitiu construír dotacións municipais coma a Aula da Natureza, os parques infantís de varias parroquias, a pavimentación de diversos camiños e pistas municipais, así como melloras no pavillón polideportivo ou na propia Casa do Concello, onde se creou un acceso para persoas con mobilidade reducida e se renovou a cuberta do edificio.
O Plan Único inviste 1,1 millóns en Vimianzo en 2017
Para o ano 2017, a Deputación inviste no municipio un total de 1.157.093 euros, a través do Plan Único. González Formoso sinalou que esta importante achega permitirá amortizar máis de 100.000 euros de débeda e pagar máis de 353.000 euros de gasto corrente, saneando así as contas municipais. O restante, destinarase a obras financeiramente sostibles, coma a mellora do vial de A Ponte a Roda, a execución dunha rede de saneamento en Vilaseco ou a construción dunha nova senda peonil en Ogás.
Asemade, Formoso salientou "a importante contribución das achegas da Deputación para xerar emprego". Neste sentido, subliñou que o Plan de Emprego Local (PEL) multiplicou por catro as asignacións que viña recibindo Vimianzo na materia, pasando de contar con 11.400 euros no 2015 a unha dotación de 46.000 €, o que permitiu contratar a máis xente durante máis tempo para realizar tarefas municipais. Igualmente, a través do Plan de Medio Ambiente da Deputación, foi contratada unha cuadrilla para levar a cabo tarefas de limpeza nos núcleos rurais do concello.
Nova aula para valorizar o entorno natural en Presa do Val
O presidente da Deputación aproveitou a súa visita a Vimianzo para coñecer o resultado das obras financiadas polos plans provinciais en diversos puntos do concello.
Acompañado polo alcalde, González Formoso visitou a nova Aula da Natureza, ubicada na área recreativa de Presa do Val e financiada con 108.900 euros do Plan de Obras e Servizos (POS) 2016. Esta nova dotación, que complementa a zona de ocio e o merendeiro a carón do río, acollerá actividades divulgativas e obradoiros vencellados ao medio ambiente, o coidado da natureza e o coñecemento da flora e a fauna da contorna. Así mesmo, o espazo quedará a disposición para reunións e outras propostas dos veciños.
O inmoble conta cunha sala de usos múltiples e unha terraza exterior cuberta, que permitirá a realización de actividades en contacto coa natureza incluso en condicións climáticas adversas.
Unha das características máis singulares da Aula é que está construída integramente con materiais ecolóxicos e técnicas respectuosas co medio ambiente. Así, as fachadas están compostas de pedra, madeira, bloques de termoarxila e illamentos de membrana multicapa, mentres que as cubertas están realizadas en láminas de zinc. Asemade, minimizouse a cimentación e o impacto da construción sobre o terreo, evitando os movementos de terras e calquera perturbación das características naturais da zona.
A pesar destas innovacións no proxecto de construción, a Aula da Natureza conserva unha estética moi adaptada á arquitectura da zona, posto que se intentou imitar ás construcións populares tradicionais da parroquia de Baíñas.
Nova zona verde en Cereixo e rehabilitación da escola unitaria de Carantoña
O presidente da Deputación tamén se desprazou ata Cereixo, onde inspeccionou as obras de construción dunha nova explanada e aparcadoiro, que se atopan xa moi avanzadas. Este proxecto, financiado a través do Plan de Acción Social (PAS) con preto de 83.000 euros, transformou unha parcela que se atopaba inutilizada nun espazo multifuncional, que se utilizará para as festas e feiras, coma área de ocio e tamén coma aparcadoiro, vencellado ao cemiterio próximo.
As obras de adecuación da parcela tiveron en conta criterios para minimizar o impacto ambiental, coma a instalación dun aglomerado especial con celosía que intercala herba e cemento, de maneira que terá unha mellor integración na paisaxe.
Outra das obras financiadas polo PAS da Deputación en Vimianzo é a rehabilitación do centro social e escola unitaria de Carantoña. O presidente da Deputación interesouse polo estado destes traballos, que reciben unha achega de 53.240 euros dos fondos provinciais, e que tamén están prácticamente rematados.
Na súa visita, Valentín González Formoso comprobou o resultado da renovación dos envolventes da fachada, as carpinterías e os aseos. Estas medidas, ademais de mellorar as condicións de habitabilidade do inmoble no que estudan once nenos e nenas, permitirán mellorar a eficiencia enerxética co consecuente aforro nos custos derivados da calefacción e o consumo eléctrico.
Dentro deste proxecto do PAS, tamén se inclúe o acondicionamento do parque infantil da propia escola e actuacións complementarias nos parques de Tines e Pasarela.
Senda Peonil na DP 1603 Ponte do Porto a Quintáns
Valentín González Formoso e Manuel Antelo percorreron unha parte da senda peonil que a Deputación está rematando na estrada DP 1603, de Ponte do Porto a Quintáns, co obxectivo de mellorar a seguridade viaria e favorecer o tránsito a pé dos veciños da zona.
En concreto, o novo camiño para os viandantes conectará os puntos quilométricos 1+400 e 2+345, que corresponden aos lugares de Porto de Cereixo e Tufións.
A senda terá un ancho medio de dous metros, ademais dunha beriavía de separación do carril de circulación de 0,5 metros, e conta cun muro de pedra lateral que mellorará a seguridade dos peóns evitando os desprendementos de terra nas zonas de desmonte.
Castelo de Vimianzo
Valentín González Formoso rematou a súa visita institucional ao Concello de Vimianzo nun dos monumentos máis importantes do municipio, o Castelo de Vimianzo, propiedade da Deputación da Coruña.
O presidente provincial destacou a exitosa traxectoria de colaboración entre a institución provincial e o concello, para levar a cabo un programa de dinamización que impulse o turismo e ofreza aos veciños unha oferta cultural axeitada. O alcalde e o presidente percorreron as instalacións do castelo e interesáronse polas mostras de artesanía en vivo que nel se acollen.
Neste sentido, González Formoso lembrou que a Deputación e o Concello de Vimianzo renovaron o pasado mes de abril o convenio para que o goberno municipal se encargue directamente da xestión as actividades e a atención ao público tanto do Castelo como dos Batáns de Mosquetín.