Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
O Auditorio da Casa da Cultura de Vimianzo encheuse o pasado sábado par render unha homenaxe ao soneirán Roberto Mouzo Lavandeira, falecido fai 4 anos.
Mouzo era o grande estudoso da Terra de Soneira, e así o atestigua a mostra cunha pequena parte dos seus traballos que se inaugurou na Casa da Cultura.
Os seus estudos abarcan distintos ámbitos pasando pola arqueoloxía, a etnografía, a toponimia, a historia, etc.
No acto do sábado o historiador Xosé Mª Lema achegouse á figura do Roberto estudoso, recordando que colaboraron en distintos traballos e publicacións e valorando o compromiso de Roberto coa investigación histórica e a defensa do patrimonio.
Manuel Rivas descubriunos ao Roberto máis comprometido socialmente. Recordou as loitas do Colectivo Adiante Soneira na defensa do patrimonio e da natureza e a colaboración de Roberto con Nunca Máis despois da catástrofe do Prestige.
A figura de Roberto Mouzo tamén foi fundamental para o recoñecemento da Terra de Soneira como comarca (na primeira proposta da Xunta o territorio dos concellos de Vimianzo, Camariñas e Zas ía incluído na de Fisterra) e para evitar a destrución e acadar o posterior recoñecemento como Paisaxe Protexida dos Penedos de Pasarela e Traba.
Rocio Soto achegouse á parte máis persoal de Roberto, á da amizade. Describiuno como un grande amigo, cun enorme sentido do humor e sempre disposto a colaborar coas súas amizades en calquera tipo de proxecto.
O alcalde, Manuel Antelo, incidiu na figura do Roberto comprometido co patrimonio e coa cultura. Refiriuse a el e aos seus traballos como un referente á hora de deseñar as liñas básicas nos ámbitos da cultura e do patrimonio do Goberno Municipal de Vimianzo.
Xa, na inauguración da exposición, a familia quixo expresar o seu agradecemento polo recoñecemento que se lle rendeu a Roberto con este acto e con esta exposición e mandarlles unha sentida aperta a todas aquelas persoas que participaron nestes actos.
Semblanza de Roberto Mouzo Lavandeira na web do Concello de Vimianzo