Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
“O balance, tal e como estamos a ver, é moi positivo nunha aposta pola cesión da xestión que responde ao propio acordo do goberno da Deputación que contempla a transferencia aos concellos como un primeiro paso de cara á futura cesión da titularidade, un proceso máis longo”, sinalou Xesús Soto.
O deputado de Patrimonio – Xesús Soto – e o alcalde de Vimianzo – Manuel Antelo – asinaron onte o convenio polo que o Concecello asume un ano máis a xestión da atención de visitantes, a mostra de artesanía ao vivo e outras actividades no Castelo de Vimianzo e Batáns do Mosquetín; que foron incorporados por vez primeira no anterior convenio. Ate o pasado ano o acordo co concello só regulaba as actuacións no Castelo e, de maneira singular, a organización da mostra de Artesanía en Vivo que se vén celebrando dende 1994.
Pola súa banda, o alcalde de Vimianzo – Manuel Antelo – destacou o notable incremento de visitantes ao Castelo de Vimianzo que acadou o pasado ano as 24.000 persoas que se achegaron a coñecer o monumento e participar nas distintas actividades. “O aumento de visitas é moi importante con respecto a anteriores anos froito da difusión e a atención que se presta dende que o Concello é quen xestiona directamente as actividades e a atención ao público”, valora Manuel Antelo do programa de dinamización do patrimonio que contempla o convenio asinado.
O acordo inclúe actividades no Castelo de Vimianzo como a mostra de Artesanía ao Vivo, visita guiada, roteiros a pé, visita teatralizada ou formación a artesáns. Nos Batáns do Mosquetín desenvolverase o servizo de atención a visitantes e iniciativas de animación nas que se inclúen, entre outras, realización de muiñadas e actividades de bataneo ao longo do ano ou charlas divulgativas. A Deputación achega ao concello de Vimianzo a cantidade de 100.000 euros en concepto de xestión dos dous bens patrimoniais, 70.000 vinculados ás actividades do Castelo de Vimianzo e 30.000 aos Batáns de Mosquetín.