Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
Unha das propostas que fixeran as propietarias e propietarios dos monumentos megalíticos do Concello de Vimianzo nas xuntanzas desenvolvidas para darlles a coñecer o seu patrimonio fora a de visitar o xacemento de Dombate para así comprobar dunha maneira práctica a recuperación e aposta en valor dun xacemento megalítico.
Nesta visita estiveron acompañados pola concelleira de Cultura, Deportes e Mocidade, Marta Rei.
Acompañados dun guía puideron comprobar como é un dolmen de maneira integral, xa que en moitos casos os que se atopan nas súas propiedades están sen excavar e coas mámoas case completas, o que impide que teñan unha visión integral do que é un dolmen realmente.
En Dombate viron como é un dolmen na súa totalidade e mostráronse sorprendidos polas explicacións do persoal que lles explicou que o recinto do monumento se estende máis alá da mámoa e en Dombate está marcado polos distintos regos que se atoparon nas excavacións.
Tamén puideron comprobar de primeira man a achega da posta en valor do monumento megalítico para a comunidade e para o tecido socoeconómico. Neste sentido son moi relevantes as 30000 visitas do ano pasado, o que fan que sexa un dos referentes turísticos de Galicia.
Para o alcalde, Manuel Antelo, a recuperación e a posta en valor dos monumentos megalíticos de Vimianzo son un obxectivo de primeiro nivel. Como xa declarara en ocasións anteriores ofreceu a axuda do Concello de Vimianzo para asesorar ás propietarias e propietarios en todo o referente aos aproveitamentos do solo, modificacións dos usos, reformas e melloras das edificacións afectadas polo ámbito de protección.
A información e o coñecemento das propietarias e propietarios acerca dos monumentos que se atopan nas súas propiedades é, para o alcalde, unha ferramenta importantísima á hora da conservación e posta en valor dos mesmos, pois unha vez que coñecen o que realmente hai, as obrigas e os deberes que teñen como propietarios e os usos permitidos das fincas e os que non o están, minimízanse os riscos de desenvover actuacións, que debido ao descoñecemento, poderían poñer en risco os xacementos.