Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
Obradoiros infantís
Xa está aberta a inscrición, gratuíta, na biblioteca municipal, para os obradoiros e talleres que se levaran a cabo durante decembro e xaneiro. Os nenos e nenas poden participar na videoconferencia con Papá Noel e o Mago Richard, o 19 de decembro, destinada a escolares; no programa Concilia Nadal que ten previstas actividades, xogos e diversión, todas as mañás, non festivas, das vacacións escolares desde as 10 ata as 13 horas, co fin de axudar ás familias a organizarse mellor nestas datas.
Polas tardes desde o día 19 ata o 29 de decembro estes talleres desprázanse ás parroquias, unhas Tardes de Nadal en cada parroquia (mínimo de 5 inscritos por parroquia) na que se divertirán con xogos, obradoiros, cine de Nadal e incluso chocolate quente; no obradoiro de Nadal con visita de Papá Noel, o sábado 24 pola mañá. Do 2 ao 4 de xaneiro aprenderán a constuír, manexar e xogar con títeres nun obradoiro especial polas tardes (a partir de 6 anos).
Festa co Apalpador e Cabalgata de Reis
E ademais dos obradoiros, terán Festa de Nadal coa visita do Apalpador e concerto de Paco Nogueiras, que levantará o auditorio ao ritmo de Brinca Vai 2.0, o venres 23 a partir das 17 horas. Festa infantil de Fin de ano, o 31 de decembro, con badaladas e uvas, onde disfrutarán dunha mañá de xogos, maquillaxe, inchables, música, disfraces… no pavillón. Teatro infantil o 30 de decembro con Baobab Teatro, Luppo, e Teatro da Semente o 7 de xaneiro, con Gretel e Bela.
E unha das citas máis agardadas, a Cabalgata dos reis magos que percorrerá as 14 parroquias durante todo o día 5, coa conseguinte recepción real ás 20 horas na Casa da Cultura.
Os menos nenos, a partir de 12 anos, terán un NoiteAndo especial de Nadal o 21 decembro ás 21 horas e os adultos poderán converterse en nenos por un día, nun especial de xogos de clown e teatro o 23 de decembro, tamén ás 21 horas.
Programa para adultos
E xa para todos os públicos, o programa abriuse o pasado domingo día 4 de decembro co I Encontro de baile Foliada do Río Grande, unha tarde de baile galego con catro grupos de baile galego coreográfico, onde se encontra a escola de baile do Concello de Vimianzo en colaboración coas Asociacións Neira marcos de Salto e Airiños do Río Grande de Pasarela.
O venres 16 de decembro Xosé Constenla presenta en Vimianzo o seu disco cuarto Virada por avante, o cantautor galego presenta un espectáculo musical con presenza doutras artes, con proxeccións da obra de Urbano Lugrís e un ambiente mariñeiro que predomina no escenario.
Outra das citas marcadas na axenda vimiancesa e o Festival Solidario organizado pola Plataforma de asociacións de Vimianzo que terá lugar o domingo 18 de decembro, onde a recadación de entradas e rifas de agasallos doados por empresas e comercios locais, van destinados integramente a Cáritas Vimianzo e Cruz Vermella. Actuacións musicais de cantantes locais e humorísticas predominarán nesta xornada solidaria. E a Escola de pandeireta e gaita terá o seu habitual Concerto de Reis unha vez remate a recepción Real o día 5 de xaneiro.
Duatlón
Para poñer o broche final a esta axenda cultural, unha das probas deportivas máis agardadas pola súa singularidade: O VII Duatlón cross de Reis, que terá lugar o domingo 8 de xaneiro no lugar de Castromil.