Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
A emblemática Pedra da Arca, ou a Casa dos Mouros de Regoelle en Vimianzo, recibiu onte a visita dos cativos do CEIP San Vicenzo.
No lugar agardábaos a moura que habita o dolmen para lles explicar a historia lendaria, mais tamén a historia dos homes e mulleres que construíron o monumento megalítico.
Segundo o testemuño da excepcional guía, esta decidiuse a amosarse ante os nenos de 5 a 7 anos para pedirlles axuda na conservación destes lugares tan valiosos, confiando que as novas xeracións seguirán velando por estas construcións milenarias.
A actividade demandada polo centro como complemento educativo á introdución dos máis pequenos no mundo da prehistoria recibiu o respaldo do Concello dentro do programa de turismo escolar que está a desenvolver durante o presente outono. Un programa que pretende achegar o alumnado a distintos capítulos da nosa historia, mediante visitas guiadas ós múltiples lugares de interese histórico e cultural que alberga o municipio.