Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
Carlos Blanco regresa a Vimianzo despois de encher o Auditorio da Casa da Cultura o mes pasado. Desta volta virá acompañado do debuxante Luis Davíla, O Bichero e representarán “Menú da fala”.
O “Menú da Fala” é unha homenaxe á lingua, unha celebración oral que fai unha simbiose entre narración e imaxe para poñer en valor o noso idioma, xogando e gozando para mantelo vivo e darlle brillo, adaptado aos tempos que corren. Carlos Blanco e Luís Davila fan fotografías do natural amosando o orgullo do galego, con notas de humor e debuxos únicos.
A representación encádrase dentro do ciclo DAC-Outono Cultural. Un programa da Deputación da Coruña concibido para difundir as figuras e efemérides culturais que se celebraron no ano 2016 en Galicia: Manuel María (Día das Letras Galegas), Irmandades da Fala (Centenario) e Alfonso Castelao (Ano Castelao Artista) a través de varios espectáculos escénicos.
Carlos Blanco e O Bichero actuarán en Vimianzo o vindeiro venres 25 de novembro. A entrada é de balde até completar aforo (400 butacas).
Dentro do mesmo programa o martes 22 representarase a obra “Os contos de Barriga Verde”, destinado ao alumnado de primaria dos centros de ensino do concello e “Retrincos de Castelao”, con Isabel Risco e Fran Rei, destinado ao alumnado do IES Terra de Soneira.
Este sábado ás 21:30 h no Auditorio da Casa da Cultura a compañía Lisístrata representará a obra “Miña casiña, meu lar”. A entrada é de balde.