Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
O Concello de Vimianzo rematou a semana pasada diversas obras nos centros de ensino do concello.
Actuouse principalmente nas escolas unitarias de Castromil, Carnés, no Ceip San Vicenzo e no Ceip de Baíñas. Desenvolvéronse labores de mantemento e conservación como pintado de aulas, arranxos eléctricos, mellora das carpintarías, etc.
No caso da unitaria de Castromil, ademais das labores de pintado, mantemento e consservación, acondicionouse unha aula nova, debido ao aumento no número de alumnas e alumnos para o vindeiro curso.
No día de hoxe tamén se asinou o contrato de melloras para a escola unitaria de Carantoña. Modernizarase totalmente o edificio adaptando os espazos para que tanto o alumnado coma as familias poidan utilizalo e acceder nunhas condicións óptimas.
As obras e melloras desenvolvidas responden ás prioridades e peticións concretas que as directivas dos centros, os consellos escolares ou as nais e pais dos alumnos e alumnas lles formularon ao concello.
O Concello de Vimianzo demostra con estas melloras a súa aposta polo ensino público e de calidade.
O ensino é un instrumento fundamental para a consolidación da poboación no rural e para fortalecer a igualdade de oportunidades entre todas as persoas.
Durante todo o curso escolar o Concello de Vimianzo continuará a colaborar cos centros de ensino e coas familias co obxectivo de dotar aos nenos e nenas escolarizados no concello dunhas instalacións e duns medios adecuados.
A mellora das instalacións é fundamental pero o apoio ás familias non é menos importante. Neste senso estase a traballar para sacar nun breve prazo de tempo as convocatorias de axudas para incio do curso escolar destinadas ao alumnado de segundo ciclo de Educación Infantil, de Educación Primaria e de ESO. Estas axudas serán compatibles coas que outorga a Xunta de Galicia para mercar libros e material escolar.