Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
Nunha finca próxima ao vello camiño entre Caxadas e Sanfíns, na parroquia vimiancesa de Cambeda, apareceu unha nova mámoa coa súa anta no interior. Aínda que o túmulo é de grandes dimensións e está situado perto dun vieiro, pasou desapercibido durante todos estes anos. A mámoa foi profanada, como acontece habitualmente, deixando á vista media ducia de esteos verticais un pouco desprazados. Malia que non se realizou un estudo arqueolóxico do lugar, pola súa tipoloxía poderíase datar entre o 4.000 ao 3.000 a.C. O achado xa foi comunicado á Dirección Xeral de Patrimonio.
Máis dun cento de mámoas
Non se trata dun dolmen illado, xa que a medio quilómetro ao leste en Caxadas localízase unha concentración de catro mámoas, unha delas coa anta visible (a "Arca"). A isto hai que engadirlle que no termo municipal hai inventariados máis dun cento de túmulos megalíticos, situando este territorio como un dos concellos con maior densidade deste tipo de monumentos de toda Galicia, algúns deles tan importantes como Pedra Cuberta, Pedra da Arca ou a Casota de Freáns. Precisamente, existe unha Ruta dos Dolmens que une os nove monumentos megalíticos máis senlleiros, os cales está previsto que fagan parte do prometido Parque Arqueolóxico do Megalitismo proxectado pola Xunta de Galicia. A Ruta deseñada polo concello foi actualizada recentemente, ampliando o seu trazado e instalando unha nova sinalización que corrixiu as deficiencias que mostraba a anterior, conseguindo que agora sexa difícil perderse ao realizar o percorrido. Alén diso tamén se creou un novo mapa que se pode conseguir en formato físico ou dixital na web do concello: http://vimianzo.gal/media/documentos/RUTA_DOLMENS_GaEn.pdf
Simposio megalítico
O descubrimento desta anta é unha magnífica noticia para un concello que se prepara nestes días para acoller o segundo simposio O megalitismo da Costa da Morte no seu contexto atlántico, trala primeira edición realizada hai unha década en Carballo. O simposio, coordinado polo profesor Antón Abel Rodríguez Casal, terá lugar o fin de semana do 2, 3 e 4 de setembro na Casa da Cultura de Vimianzo. Nel analizaranse os monumentos, as intervencións que se levaron a cabo nos mesmos, e as novas tecnoloxías que nos poden achegar novas visións e interpretacións do mundo megalítico en xeral, e nomeadamente o caso da Costa da Morte. As conferencias clausuran o domingo cunha visita arqueolóxica aos monumentos coa participación do poeta Miro
Villar. O programa ao completo pódese consultar na web municipal, do mesmo xeito que se pode realizar a inscrición on-line.