Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
A estrea será o vindeiro domingo 13 de marzo ás 18:30 h no Auditorio da Casa da Cultura.
Presentouse na Casa do Concello de Vimianzo a adaptación teatral da novela de Manuel Rivas Bala Perdida.
Asistiron á presentación os actores e actrices que conforman o elenco, os directores-adaptadores, Lino Braxe e Jorge Rey, o autor Manuel Rivas, o alcalde do Concello de Vimianzo, Manuel Antelo e a concelleira de Cultura, Deportes e Mocidade, Marta Rei.
O alcalde manifestou que é todo un honor para o Concello de Vimianzo acoller esta presentación á que lle augura un grande éxito. Agradeceu a Manuel Rivas a disposición para estar a carón da xente e da terra que quere e á compañía teatral por escoller Vimianzo para a estrea.
Para Manuel Rivas a adaptación constitúe unha situación moi feliz, pois a obra foi escrita en Vimianzo, máis concretamente no lugar de Urroa, onde o escritor posúe unha casa. Bala perdida é unha obra na que a Costa da Morte está moi presente. O autor manifestou o seu agradecemento cara aos adaptadores e cara á compañía pola nova dimensión que lle achegan á obra.
Para Rivas a Terra de Soneira, lonxe de ser periferia, é unha terra cosmopolita, por ese motivo naceu aquí Bala perdida, e por ese motivo Vimianzo é o lugar axeitado para a estrea da adaptación teatral.
Lino Braxe, un dos adaptadores-directores e actor protagonista convidou a fuxir do concepto capitalino. Para el Vimianzo tamén é o lugar ideal para a estrea. Para el adaptación dunha novela ao teatro é un enorme desfío pois, a maiores de contentar ao público, desexa que o autor quede satisfeito.
Os actores salientaron a complicidade e a imaxinación que reina entre o elenco.
Todos quixeron agradecer a colaboración do Concello pola colaboración.