Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
O alcalde do Concello de Vimianzo, Manuel Antelo, e a concelleira de Cultura, Deportes e Mocidade, Marta Rey, presentaron a programación do Auditorio de Vimianzo para os meses de febreiro a maio.
Febreiro será o mes dedicado aos máis cativos e cativas. As representacións serán ás 18:30 h e comezarán o vindeiro sábado coa obra “A casa do avó” de Tanxarina Títeres. O sábado 20 Os Quinquilláns representarán “Espantallo amigo”, adaptación da obra homónima de Xosé Neira Vilas. O sábado 27 Cé Orquestra Pantasma deleitará aos cativos e aos maiores cos espectáculos “A xogar, cantar e bailar” e “Fíos do querer”.
Marzo será o mes dedicado á lareta e aos monólogos. As representacións serán ás 21:00h. O 5 Xoré Teatro representará “Pementeiras”. O 12 Luís Zahera traeranos o “Chungo monólogo de Petróleo” e rematamos o mes o 19 con Quico Cadaval e “Almiñas”.
O mes de abril, denominado “Abril verdadeiro”, comeza o día 2 con Daboapipa e o seu espectáculo “As lavandeiras”, o 9 Talía Teatro presentará a súa nova obra, “Foucellas”, o 16 recibiremos ao artista Leo Bassi co seu espectáculo “Utopía” e o 23 conmemoraremos a Revolución dos Cravos coa proxección da película “Fados” de Carlos Saura.
A programación de maio comeza o 7 cun espectáculo de máxia a cargo do Mago Antón, o 14 Fantoches BaJ representará “O asombro de Manuel María”, o 21 Ibuprofeno Teatro achegaranos a obra “A filla de Woody Allen” e pecharemos a programación o 28 con Cándido Pazó e súa adpatación de “Memorias dun neno labrego”.
Por outra banda, o Auditorio da Casa da Cultura de Vimianzo intégrase na Rede de Teatros e Auditorios da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), unha rede da que forman parte máis de 40 teatros e auditorios de toda Galicia como o Rosalía de Castro da Coruña, o Teatro Principal de Santiago de Compostela ou o Audiorio da Casa da Cultura de Carballo. Esta Rede ten como finalidade promover a distribución das producións escénicas e musicais galetgas cofinanciando a contratación de compañías profesionais e contribuíndo a que os concellos poidan acceder a espectáculos de primeiro nivel sen que isto supoña un custo elevado para as arcas municipais. As normas da Rede obrigan a establecer unha taquilla mínima coa finalidade de correpsonsabilizar aos espectadores na programación cultural.
Nesta tempada o Concello de Vimianzo oferta 14 espectáculos dos cales 6 foron contratados dentro da Rede, establecendo as tarifas mínimas esixidas pola normativa de AGADIC. O prezo varía en función dos cachés dos artistas sendo o prezo habitual o de 2,50€ e o do espectáculo de Talía Teatro de 3,50€.
As persoas maiores de 65 anos e os estudantes terán unha redución do prezo do 50% sempre que acrediten esta condición. Ademáis poderá mercarse un bono de 3 funcións cun desconto do 25% sobre o prezo inicial.
As entradas venderanse na Casa da Cultura no seu horario habitual e os días de función unha hora antes do inicio da representación e poderanse reservar.