Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
O día 25 de novembro, conmemórase o Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller.
A violencia contra as mulleres é unha violación dos Dereitos humanos e das liberdades fundamentais e impide total ou parcialmente que as mulleres que a sofren gocen total ou parcialmente deses dereitos e liberdades.
A violencia contra as mulleres constitue unha manifestación de relacións de poder historicamente desiguais entre o home e a muller que conduciron á dominación da muller e á súa discriminación.
As mulleres vitimas de violencia sofren unha variedade de problemas de saúde e disminúen a súa participación na vida pública. A violencia contra as mulleres aféctalles tanto ás súas familias como ás comunidades nas que viven e reforza outros tipos de violencia prevalecentes na sociedade.
O Concello de Vimianzo apoia a loita social que ten como obxectivo a eliminación da violencia contra a muller. Anima ás mulleres vítimas de violencia a buscar a axuda dos departamentos de Servizos Sociais, médicos de familia, forzas de seguridade, Cruz Vermella, ONGs, etc.
Tendo en conta que as mudanzas na lexislación son fundamentais para erradicar a violencia contra as mulleres no vindeiro Pleno presentarase unha moción relativa ás políticas de prevención e tratamento da violencia machista, instando á modificación das leis de apoio ás vítimas en diversos aspectos que melloren a definición e as medidas de apoio e á Xunta de Galicia para que mellore os servizos de prevención e tratamento da violencia contra as mulleres.
A sensibilización da sociedade para facer visíbel este tipo de violencia tamén é fundamental. Con este obxectivo o vindeiro xoves 3 de decembro, a exdirectora xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Ana Luisa Bouza, ofrecerá unha charla aberta a tódolos públicos.