Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
A exposición "A humanidade na guerra" estará aberta na Sala de Exposcións antón Mouzo do 11 ao 19 de novembro.
A inauguración correu a cargo de Rebeca Veiga López, presidenta de Cruz Vermella en Vimianzo, Juan Redondo, Director de Cooperación Internacional de Cruz Vermella na provincia da Coruña, e Manuel Antelo Pazos, Alcalde de Vimianzo.
Ademais, o domingo 15 ás 18.30 o equipo de Cruz Vermella desenvolverá unha conferencia sobre o dereito ao asilo e a actual crise de refuxiados; acto seguido, o Colectivo Suria, formado por Nadia Hariri e Lea Pichel, realizará unha performance sobre como os conflitos armados lle afectan á infancia.
"A Humanidade na Guerra" é unha mostra fotográfica do Comité Internacional da Cruz Vermella (CICR) que repasa os conflitos dos últimos 150 anos. A colección mostra 40 imaxes dende a Guerra de Secesión Américana, 1861, até a actualidade, ademais doutras fotografías cedidas polo fotoxornalista freelance Ricardo García Vilanova, que durante cinco anos cubriu o conflito sirio. Tamén conta con fotografías dos recentes ataques ao hospital de Médicos Sen Fronteiras en Kunduz (Afganistán) e da actual crise de refuxiados.
As imaxes desta exposición mostran a crueza dos conflitos armados e a realidade á que se enfrontan as persoas que cruzan o Mediterráneo e as fronteiras europeas para solicitar o dereito ao asilo.
A mostra poderá ser visitada de luns a venres de 10 a 14 h e de 16 a 20 h, e o sábado de 10 a 13 h. Vimianzo é a segunda parada desta exposición en Galicia.