08-06-2015
Gran canteira de actrices e actores na Escola Municipal de Teatro Infantil
Comezaba o domingo o xuño vimianceiro no que os grupos municipais de teatro presentarán ante o gran público as súas dotes artísticas e o resultado do traballo realizado durante o curso.
Os primeiros en subir ao escenario do Auditorio da Casa da Cultura foron os grupos infantís que baixo a batuta de Minke Lap amosaron un gran traballo ao público que na calurosa tarde de domingo se achegou á Casa da Cultura. Un traballo no que, segundo explicou a directora teatral, foron os protagonistas en todas as fases, pois o texto foi feito partindo das ideas dos nenos e nenas, e participaron activamente na montaxe, coreografías, texto, etc. O resultado final foi unha gran mostra de talento dos actores e actrices que ademais da finalidade teatral souberon transmitir unha diversión contaxiosa a todos os presentes.
dúas funcións foron as que puxeron en escena: A captación do futuro visible e invisible e Un conto vello, cunha carapucha nova e dentes afiados. Parabéns ao elenco actoral e á directora polo traballo realizado.
o vindeiro domingo será a Escola de Teatro de Salto a que abra o telón, para poñer en escena O parto do celendrino baixo a dirección de Toño Casais.