14-04-2015
Penedos de Pasarela, moito máis que pedras
O pasado sábado tiña lugar a terceira andaina do programa Coñece a Costa da Morte, un programa no que participan 8 concellos, no que ademais do deporte se fomenta a promoción do patrimonio cultural e paisaxístico da nosa contorna.
Nesta ocasión o anfitrión foi o concello de Vimianzo, que levou aos máis de 300 sendeiristas a coñecer a única paisaxe protexida da Costa da Morte, os Penedos de Pasarela e Traba. Baixo o subtítulo de Moito máis que pedras, dada a polémica xurdida no seu momento ao redor desta paraxe singular, aqueles sendeiritas que non coñecían o lugar non podían imaxinar a impreseionante beleza do que terían ocasión de contemplar.
O concello de Vimianzo realizou un gran traballo de limpeza no lugar, xa que a pesar de que esta zona foi declarada Paisaxe Protexida pola Xunta de Galicia no ano 2009, ningunha actuación realizou esta administración nos Penedos ata o momento. Os traballadores de limpeza municipal fixeron un traballo meticuloso na zona e o técnico de deportes encargouse da sinalización dos principais penedos seguindo as indicacións da Guía dos Penedos de Pasarela e Traba, publicada polo Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (Semescom) no ano 2012.
A ruta comezaba arredor das 10 na mañá da estrada que une Traba con Braño (Carantoña), cunha pequena subida inicial de máis dun quilómetro para ir quentando motores, mais todo o esforzo é pequeno se se compara coa beleza do que se atopa ao chegar aos Penedos. O vento, a chuvia e o tempo, creou formas espectaculares nas rochas, que dan vida á paisaxe. Os sendeiristas afanábense en situarse nos lugares indicados para veren todas as posibles figuras ao tempo que contamplaban as impresionantes vistas que a cima nos regala. Os penedos ficaban retratados nas cámaras pero tamén nas retinas da xente antes de iniciar o descenso para rematar a andaina cun fermoso paseo pola beira do río Grande que os levaría ata Vimianzo.