02-03-2015
O paseo fluvial de Vimianzo xa é unha realidade
Moitos anos levan os veciños e veciñas de Vimianzo solicitando que a capital municipal contase cun paseo á beira do río como lugar de esparcemento para pequenos e maiores, e por fin ven cumprido o seu desexo. Por iso o sábado foron moitas as persoas que quixeron estar presentes na inauguración do paseo fluvial de Vimianzo. Unha obra, que como recoñeceu o Alcalde no discurso inaugural, foi posible grazas á colaboración dos veciños que doaron os terreos para que se puidera levar a cabo.
O paseo fluvial é un paso máis no proxecto de humanización da vila de Vimianzo que se está levando a cabo con diferentes actuacións na vila. Esta obra consta de dúas partes que se levaron a cabo co financiamento da Deputación Provincial. 600 metros de paseo que percorren o río Cambeda desde a Depuradora vella ata a ponte de Vilar, amosando unha fermosa zona de Vimianzo que se atopaba no abandono escondida entre a maleza. A senda fluvial que comeza na depuradora vella e remata no Ceip San Vicenzo é a parte máis verde deste proxecto. O seguinte tramo, ata a ponte de Vilar, percorre a parte traseira do colexio, forma parte dun roteiro turístico para a posta en valor do patrimonio etnográfico, cultural e natural do val de Vimianzo, un percorrido que empeza no Castelo, cara ao Pazo de Trsariz, pasando polo paseo fluvial, segue cara ao Muíño da Agra e remata no Castro das Barreiras.