23-02-2015
Impresionante fin de festa do Entroido en Baíñas
A chuvia non quixo deslucir a festa do entroido de Baíñas e deu un día de tregua para que o desfile de comparsas puidese percorrer as rúas de Baíñas desde o Praza de Outeiro ata o pavillón. Centos de persoas agardaban, entrada xa a noite, para ver o pasarrúas dos grupos e comparsas. Mentres, no pavillón as potas cos grelos e o lacón e as filloeiras traballando a pleno rendemento agardaban polos comensais. O pavillón abarrotado de xente ía buscando un oco para non perder as actuacións do concurso.
Co xurado preparado no escenario -Manuel Rial (Radiovoz), Andrea Rodríguez (Radio Nordés) e José Manuel Ramos (El Correo Gallego)- dispostos a tomar boa conta das actuacións, o mestre de cerimonias, Iago García, daba a benvida ao Entroido de Baíñas. Comezaba, como non podía ser doutro xeito, co saúdo do Alcalde, quen agradeceu á organización a posibilidade de festexar dese xeito o entroido felicitándoos polo traballo realizado, e convidando aos presentes a disfrutar da festa que quedaba por diante. Logo das breves palabras do Alcalde, daba comezo o concurso de disfraces na categoría individuais infantís. Unha pequena ovelliña, a televisiva Mucha da Conexa en versión mini e a atracción de feira foron os gañadores do concurso nesta categoría. Seguinte quenda para os individuais adultos coa participación de disfraces moi traballados: Maligna, o troncomóbil de Pedro Picapedra, a raíña da festa, ou mesmo un bolso e unha neveira ben completiña, desfilaron pola pista polideportiva. O xurado tiña onde escoller e decidiu que os merecedores dos dous premios foran a neveira (75€) e o troncomóbil (100€).
A continuación sería a quenda dos grupos. Comezou un colorido e traballado grupo de gnomos e trolls, chegados de Vimianzo, cunha ensaiada coreogreafía que nos levaron a vivir Un mundo pequeno. Pequenas tamén eran as ratiñas atrapadas do segundo grupo, composto por dúas gatas que levaban a bo recaudo as dúas ratiñas que caeron na trampa. Moitas risas deixou entre os presentes a chirigota baiñá vaya, vaya, aquí non hay playa, que montaron unha improvisada praia para poñer os fabulosos corpos ao sol, mentres nos deleitaban con coplas cheas de retranca local e un divertido baile para pechar a actuación. Desde xCaxadas chegou o seguinte grupo de pastores coas ovellas e os cans gardiáns ata Baíñas; con ataque do lobo e visita do veterinario acabaron recibindo unha multa da garda civil. E despois das ovellas, ungrupo de labregos chegou co típico carro do país tirado por dúas simpáticas vacas. Cambiando a temática un grupo de hamburguesas quixeron facer competencia á laconada que preparaba a organización. Non foron a única mostra culinaria do concurso, xa que tamén houbo uns cociñeiros que prepararon un cocido ao xeito tradicional no pote onde cociían o máis simpático dos chourizos. Teletubbies pasándoo en grande pola pista do pavillón lembrando as proclamas infantís destes debuxos animados; unha banda de músicos con director incluído e a perfecta coreografía de "Uptown funk" que nos trouxo ao mesmísimo Bruno Mars ata o pavillón de Baíñas, pecharon a quenda dos grupos. O xurado tívoo ben difícil con tanta variedade pero decidiu outorgar os premios a Uptown funk (150€) e a Vaya, vaya, aquí no hay playa (250€).
Finalmente as comparsas invadiron o pavillón. Os primeiros os da casa, un numeroso grupo de zombies encheu a pista lembrándonos o arquifamoso Thriller de Michael Jackson, neste caso baixo o nome de Thriller Baíñas. Efectos especias entre a escuridade do pavillón, baile dos protagonistas con coreografía do grupo incluída fixéronos merecedores, a xuízo dos membros do xurado, do accésit de 250€ para a mellor comparsa do pobo. Logo da escuridade do Thriller, a pista volver encherse de colorido coa comparsa Río Rock da Asociación Trubisquiña. Máis de sesenta paxaros de diferentes cores encheron a pista ao contaxioso ritmo dos tambores, marca da comparsa, cunha coreografía acompañada polos movementos das coloridas ás dos paxaros Para Vimianzo foi o segundo premio de comparsas (300€) ao ritmo de Trubisquiña. E o primeiro premio (600€) foi recaer un ano máis á comparsa Buxantes Calidade co Circo do Sol. Variedade a dos dumbrieses na súa actuación onde houbo cabida para o humor de dúas mulleres da limpeza con retranqueira mensaxe local incluída, para o baile e a canción e para o fermoso espectáculo Alegría, no que non faltaba detalle, do coñecido Circo do Sol cun enorme pallaso que puidemos ver no desfile. A entrega de premios por parte do Alcalde e da concelleira de Benestar, xunto cos membros do xurado, deu paso á festa a cargo do Dúo D`Festa e a que os comensais comezasen a encher as mesas dispostos a probar o lacón, os grelos e as filloas.
Moitos parabéns aos premiados no concurso e a todas as comparsas, grupos e individuais que participar e, sobre todo, moitos parabéns á organización do evento polo éxito acadado. E un agradecemento especial para os membros do xurado que colaboraron desinteresadamente, e para todas as persoas que asistiron e participaron da festa. Acabouse o entroido ata o ano que vén.