29-12-2014
Desbordada a Casa da Cultura pola solidariedade veciñal
A segunda edición do Festival benéfico organizado pola Plataforma Solidaria de Asociacións do Concello de Vimianzo conseguiu superar amplamente as expectativas creadas cunha asistencia masiva de veciños e veciñas de Vimianzo e doutros lugares da Costa da Morte que quixeron achegar o seu gran de area e gozar coas actuacións preparadas para o evento.
Os arredores da Casa da Cultura de Vimianzo enchíanse de xente moito antes das sete da tarde, hora na que daría comezo o acto. Coa doazón de 2€ en concepto de entrada o público dispoñíase a buscar sitio no auditorio, que quedou pequeno ante a gran multitude de xente.
Non tardaban en saír ao escenario os mestres de cerimonias, dous presentadores de excepción, Xosé Ramón Gayoso e Miguel Queiro, que cumpriron o seu papel á perfección animando en todo momento aos presentes. Os artistas comezaron a saír ao escenario. O grupo de jazz Taninos maduros, que desde Sarria quixo acompañarnos e colaborar neste acto; os cantantes locais arquicoñecidos xa na Costa da Morte Rosa Oreiro, Jaime de Vilaseco, Suso Andrea e Irma Macías; os acordeonistas de Pasarela Aserrín e virutas; os grupos de danza Foliada de Salto e Airiños do Río Grande; gaiteiros O Revoltixo de San Martiño de Carantoña e da Asociación Cultural Trubisquiña de Vimianzo; a Charanga Escándalo; o grupo de zumba de Baíñas e o artista revelación de Vimianzo, Serj; puxeron a nota musical á xornada. Teatro du Cherinkas puxo a súa nota de humor ao acto da man de Luis Miguel Antelo cun monólogo interactuado co público; e as voluntarias de Cruz Vermella fixeron unha interesante demostración de primeiros auxilios guiadas polo doutor Aurelio Trillo. Representantes da Cruz Vermella e de Cáritas Vimianzo, entidades que xestionarán a recadación, fixeron unha breve explicación do traballo que realizan día a día. O Alcalde, Manuel Antelo, tamén subiu ao escenario para agradecer ao público asistente e aos voluntarios e voluntarias das asociacións que traballaron intensamente para levar adiante o festival, ben no desenvolvemento do mesmo, ou nos días previos recollendo agasallos polos comercios, xestionando a recollida de alimentos, vendendo rifas, etc.; aos artistas que colaboraron desinteresadamente, ao público asistente que demostrou que en Vimianzo somos solidarios; aos comerciantes e empresarios que doaron os agasallos para o sorteo; e aos presentadores, Miguel Queiro, vimiancés de nación, e Xosé Ramón Gayoso, ligado a Vimianzo por lazos familiares.
Unha tarde aplausos, risas e emocións cun moi bo resultado solidario. 208 agasallos doados por empresarios locais foron sorteados durante a gala, con nenos de San Ildefonso incluídos da man dos cherinkeiros Damián e Juan Gimel. Máis de 6000€ de recadación que irán destinados integramente a Cáritas Vimianzo e Cruz Vermella para axudar ás persoas con menos recursos, xunto cunha gran cantidade de alimentos non perecedeiros recollidos.
Parabéns á organización do festival, aos artistas que subiron ao escenario e parabéns aos vimianceses e vimiancesas que demostraron que saben estar á altura, que Vimianzo é solidario