Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
Preto de 30 veciñas e veciños da parroquia de Carantoña xuntáronse nas dependencias do Distrito V Forestal para entregar unhas solicitudes para cortar madeira nos montes de Gorreis e de Milleira.
A veciñanza propietaria destes montes reclama dende fai máis dunha década que a Xunta de Galicia lles devolva a propiedade dos mesmos, roubados no periodo da ditadura franquista.
Fai case un ano nunha xuntanza con responsables da Consellaría de Medio Rural e do Mar indicóuselle á veciñanza e ao Concello os pasos que tiñan que seguir para que os lexítimos propietarios recuperaran a propiedade pero recentemente unha resolución da mesma consellaría denega as pretensións baseándose en que o procedemento utilizado non foi o correcto.
Hoxe un grupo de veciños e veciñas propietarios destes montes entregaron unhas solicitudes para cortar árbores destinadas ao uso doméstico, xa que, en moitos casos, é o único medio de calefacción que posúen para pasar o inverno.
O alcalde de Vimianzo apoia totalmente as reivindicacións da veciñanza, hoxe acompañounos na entrega de solicitudes e expúxolles que contan con todo o apoio do Concello de Vimianzo e que a decisión da Consellaría de Medio Rural e do Mar lle parece unha decisión desafortunada. Anuncioulles que en breve se convocará unha xuntanza da Comisión de Montes na que estudarán novas medidas e inciativas para poder recuperar as propiedades.