04-10-2013
Talía Teatro escolle Vimianzo para estrear a súa nova función
O público de Vimianzo terá o privilexio de seren os primeiros en poder ver o novo espectáculo da Compañía Talía Teatro enfocada cara ao público infantil e xuvenil, mais moi interesante tamén para o público adulto, xa que Xango fará refelxionar a máis de un.
Xango, a moi extraordinaria historia dun home que foi engulido por unha máquina é o título do novo espectáculo de Talía Teatro. Idea orixinal da Compañía teatral que decidiu levar o mundo dixital ao teatro. Toño Casais e Dani Trillo viven as aventuras e desventuras no escenario escritas e dirixidas por Diego Rey. O propio título do espectáculo deixa claro a finalidade da obra, que non é outra que a reflexión de todas as horas que os cativos, e moitos adultos, pasan hipoteticamente engulidos polas novas tecnoloxías, neste caso unha tablet.
O público de Vimianzo poderá gozar da estrea desta función o domingo día 6 de outubro ás 20 horas na Casa da Cultura, pero houbo un grupo de nenos e nenas dos colexios de Vimianzo e Baíñas que xa tiveron o privilexio de vela, pois a compañía ofreceu un pase privado, de pre-estrea, ante uns corenta rapaces. O resultado, ao escoitar a opinión dos alumnos de primaria,foi máis que bo.
O domingo actores e director terán ocasión de coñecer a crítica do público vimiancés, un auditorio no que eles mesmos recoñecen sentirse na casa, sendo este un dos motivos que os levou a escoller o noso Auditorio para afrontar os nervios habituais das estreas.