17-06-2013
A obra de saneamento da Piroga remata cun albaroque
Unha vez asinada a acta de recepción da obra de saneamento integral do núcleo da Piroga, na parroquia de Bamiro, os veciños e veciñas do lugar e os traballadores da empresa encargada de levar a cabo os traballos merecían un albaroque co que poñer punto final a unha polémica creada arredor desta obra na que foron os principais prexudicados.
Manuel Antelo dirixíase aos presentes para agradecerlle a paciencia e comprensión a pesar de todos os impedimentos que se puxeron para que a obra se levase adiante. Agradecíalle así mesmo ao director da obra que se fixese cargo da mesma, a pesar de toda a polémica xa levantada arredor dela e que fixera posible que se puidese finalizar. A Germán Mouzo, xerente da empresa adxudicataria, e aos seus traballadores, polo empeño posto para que a obra se finalizase con éxito. O alcalde fixo unha mención especial aos traballadores accidentados coa tala dos eucaliptos, un deles presentes no albaroque. Unha vez rematado o discurso comezou o albaroque amenizado polos gaiteiros.