20-05-2013
A chuvia concedeu unha tregua na cuarta Andaina Coñece a Costa da Morte
Os 107 participantes da andaina Pola península de Corcubión puideron gozar das fermosas panorámicas do Cabo Fisterra, Monte Pindo e Illas Lobeiras xa que a chuvia quixo dar unha tregua e o bo tempo acompañou os camiñantes durante toda a mañá. Unha fermosa andaina na que percorreron un tramo do camiño xacobeo e rematou na igrexa de San Pedro. Unha vez feito o percorrido os sendeiristas tiveron unha sorpresa gastronómica, que consistiu na degustación de porco celta, ben agradecida logo do desgaste do exercicio físico.
A próxima andaina, que será a última do programa, será o vindeiro sábado día 25 de maio no concello de Camariñas. Un percorrido de 14,5 km chamado Coñece Camiños, que levará aos camiñantes polas fermosas paraxes do Vilán e o Cemiterio dos Ingleses. A ruta rematará no Club Náutico cunha degustación de produtos de Industrias Cerdeimar. Conservas Boya. Poderase realizar a inscrición ata o vindeiro xoves día 23 en deportes@vimianzo.es