21-10-2011
O Alcalde inaugurou a Sala de Exposicións Antón Mouzo na Casa Da Cultura
Na sala de Exposicións Antón Mouzo da Casa da Cultura podemos ver unha mostra da obra do pintor vimiancés que lle dá nome á sala, Antón Mouzo Lavandeira, pintor de gran renome, coñecido non só en Galicia senón tamén fóra das nosas fronteiras.
A exposición foi inaugurada o 9 de setembro e poderá visitarse ata o 16 de decembro. Ao redor desta exposición realízanse unha serie de actividades para dinamizar este espazo. O día 23 de setembro tivo lugar unha charla recital de Manolo Rivas titulada Costa da Morte Blues na que contamos coa actuación do cantautor César Morán.
Neste mes de outubro comezaron as visitas guiadas dos escolares da man da licenciada en Belas Artes Puri Lema del Río. Os primeiros foron os nenos e nenas 3º e 4º de primaria do CEIP San Vicenzo de Vimianzo que visitan a exposición coas indicacións de Puri Lema, realizaron un pequeno traballo de investigación na biblioteca e finalizaron elaborando un mural colectivo inspirado na obra de Antón Mouzo. Os seguintes en participar neste programa serán os 74 alumnos e alumnas do CEIP de Baíñas.