13-05-2013
O Castro das Barreiras e a Cerca de Carnés protagonistas da andaina do concello de Vimianzo
O pasado sábado 120 sendeiristas saían da praza do concello arredor das 10 da mañá, dispostos a enfrontarse a unha ruta polas alturas dos montes de Vimianzo, guiados por Víctos Santos, técnico municipal de deportes. Aínda que as nubes ameazaban chuvia o grupo colleu camiño cara ao Castro das Barreiras, un asentamento castrexo situado en pleno Val de Vimianzo, no lugar de Ogas, onde o historiador Pablo Sanmartín nos levou ata a Idade do Bronce coas explicacións sobre as excavacións realizadas no xacemento castrexo da man do arqueólogo Tito Concheiro. Unha vez fóra das Barreiras castrexas chegaba o momento de iniciar camiño cara aos Montes do Faro e da Vela, cunha pronunciada subida desde onde se pode ver todo o val. Logo de atravesar o desmonte por onde pasará a futura autovía da Costa da Morte seguimos subindo ata acadar a vista do outro lado da ría de Camariñas. Malia que as nubes impedían ver parte das marabillosas panorámicas que desde este punto se ven nun día despexado, non deixaron ao camiñante indiferente ante o alcance das mesmas. Continuamos camiño polos montes de Montecelos, xa na parroquia de Carnés, onde tivemos com testemuñas do camiño a gran cantidade de vacas que pacen por estas ladeira. Ás 13.45 chegabamos ao punto final da andaina. a famosa Cerca onde cada 9 de xullo se reúnen centos de veciños, veciñas e visitantes degustar os callos da Faguía, festa declarada de interese turístico de Galicia no ano 2010. E, como non podía ser doutro xeito, o concello agasallou aos participantes cuns callos elaborados para a ocasións nas potas da Cerca, as mesmas que se empregan o día da festa. Tres potas de callos das que se deu boa conta, logo de percorrer os costentos 14 Km en menos de 4 horas.
O tenente alcalde de Vimianzo, Fernando Mancebo, e a concelleira de Benestar Social, Mª José Ramos, participaron na andaina, a que tamén acudiron o alcalde de Camariñas, Manuel Alonso, e o concelleiro de Corcubión, Manuel Ínsua, así coma o técnico de cultura de Ponteceso e os técnicos de deportes de Camariñas, Muxía e Vimianzo.
O próximo sábado a quenda será do concello de Corcubión, cunha andaina cun percorrido circular pola península de 14 Km, percorrendo un tramo do camiño xacobeo ata A Amarela, vsitando a igrexa románica de San Pedro e os cabazos da Redonda. O prazo de inscrición remata o 16 de maio.