28-01-2013
A Sala de Exposicións Antón Mouzo inaugura a súa primeira exposición de escultura
A Sala de Exposicións Antón Mouzo continúa a ser un escaparate dos artistas locais e logo de acoller as exposicións de pintura do propio autor que lle dá nome e de Xurxo Mariño e das exposicións de fotografía de Xoán Carballo e Xurxo Martiño, é o momento de ampliar o abano artístico e deste xeito o sábado inaugurábase a primeira exposición de escultura, "Pedras", de Suso Fuentes Canosa.
Manuel Antelo daba a benvida a un bo grupo de veciños, amigos e familiares do artista que quixeron acompañalo nun día tan especial e emotivo, pois non sempre un pode ser profeta na súa terra. Con palabras de orgullo e admiración de cara ao artista e logo da lectura dun poema de León Felipe, o alcalde deu paso a Dolores Canosa, nai do escultor, quen dixo sentirse orgullosa coma nai e coma vimiancesa, terra de moitos e bos artistas. Era a quenda de Suso Fuentes que agredeceu aos presentes que aquixeran acompañalo nun dia tan especial para el, a Roberto Miñones que se encargou de realizar un adiovisual, que se proxecta permanentemente na sala, no que se pode ver o autor no seu lugar de traballo; e ao alcalde por permitirlle expoñer en Vimianzo e darlle a oportunidade de que a súa obra sexa coñecida na súa terra.
A exposición estará aberta ata o vindeiro 31 de marzo no horario habitual da Casa da Cultura e pola Sala Antón Mouzo pasarán os escolares de Vimianzo, como vén sendo habitual, cos que o escultor realizará unha programción didáctica.