Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
O 26 de novembro, día de Santa Icía, patroa dos músicos, non pasou desapercibido para os máis pequenos do noso concello. Arredor das 10 da mañá chegaban á Casa da Cultura os alumnos e alumnas das tres escolas unitarias do concello. Carantoña, Carnés e Castromil, pero aínda terían que esperar un momento, que pasaron con actividades na biblioteca, ata as 11 que chegaron os compañeiros do Ceip San Vicenzo e do Ceip de Baíñas, todos dispostos a participar dun obradoiro de canto e música tradicional que organizou o concello contando con dous profesionais como son Pablo Díaz e Olga Kirk, que poñen en práctica os seus coñecementos musicais e da cultura tradicional cos seus coñecementos didácticos e deleitaron aos nenos e nenas con diferentes instrumentos: pandeireta, gaita, frauta, acordeón, harmónica, etc, sempre acompañado polos aplausos do público marcándolles o ritmo aos músicos; cancións populares, o tic tac, bailes, ....
Pero Pablo e Olga non eran descoñecidos xa polos pequenos que xa sabían varias cancións do seu disco Tic Tac e tíñanlle unha sorpresa preparada para os artistas e ao rematar foi o patio de butacas o que tomou a voz cantante e lles regalou unha canción da xirafa e cocodrilo, actuación para a que os nenos e nenas do Ceip San Vicenzo viñan preparados cunhas coroas feitas por eles. O concerto-obradoiro rematara pero os pequenos querían máis, e remataron cantando todos xuntos A Carolina.
Unha enriquecedora actividade que o concello puxo ao alcance dos escolares máis pequenos, unha actividade na que se aprende xogando a nosa cultura popular.