08-10-2012
Numerosos veciños e amigos acompañaron a Antonio Nodar na inauguración da exposición
Un gran número de amigos, familiares, veciños e veciñas de Antonio Nodar, quixeron acompañalo na inauguración da súa exposición na Sala de exposicións Antón Mouzo da Casa da Cultura. Manuel Antelo facía a presentación orgulloso de poder ter en Vimianzo un artista da talla de Nodar, cunha proxección internacional, canto máis tratándose dun artista nacido en Baíñas. Unha vez máis, e como reza o subtítulo da sala de exposicións, en Vimianzo podemos estar moi "Orgullosos do noso".
Moitos dos presentes achegáronse á inauguración para ter a oportunidade de coñecer a este artista, que, como adoita acontecer tantas veces, ten sona internacional mais non é coñecido na súa terra. El mesmo dicía na presentación que pese a non gustarlle expoñer, non dubidou en dicir que si cando recibiu a chamada do concello, "estes recoñecementos soen facerse cando un morre" e agradeceu poder traer a súa obra a Vimianzo en vida. Un Nodar que irradiaba felicidade foi o mellor guía para a exposición do seu último traballo ...from portrait to self-portrait..., un traballo que pasou por Barcelona e Katmandú (Nepal) e recala agora en Vimianzo. Esta coelcción comezouna Nodar no ano 1996 realizándolle un retrato a diferentes artistas, centos deles xa na actualidade, e dándolle un duplicado ao propio retratado para que fixera sobre el o autoretrato. Estes retratos e autorretratos, que dan nome á exposicón, pódense ver proxectados na Sala de exposicións Antón Mouzo. O retrato e autorretrato que se pode ver é o do artista pontevedrés José Luis Seara, que estaba presente en Vimianzo na inauguración do seu amigo de Baíñas. Quen visite a exposición tamén poderá botarlle unha ollada ao primeiro libro editado desta colección de retratos e aso cadernos de europa e do Nepal.
Sen dúbida a Sala de Exposicións Antón Mouzo é un escaparate onde temos a oportunidade de coñecer aos nosos artistas e estamos vendo que Vimianzo é terra de artistas, algúns xa consagrados, como é o caso de Nodar, e outros que iremos descubrindo co paso do tempo.
A exposición ...from portrait do self-portrait... poderá visitarse ata o 2 de decembro, de luns a venres de 8.30 a 20.30 e os sábados de 9.30 a 13.30 horas, e os domingos que haxa programación no auditorio.