Do 16-11-2026 ao 16-11-2026
A programación A Costa da Vida regresa este outono ás parroquias da Costa da Morte cunha nova edición que busca achegar a cultura ao territorio e fortalecer os vínculos entre os concellos e as súas comunidades. A iniciativa está promovida polo Concello de Vimianzo e organizada por Culturactiva S. Coop. Galega, co apoio do programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia e a colaboración dos concellos de Fisterra, Corcubión, Dumbría, Muxía e Mazaricos.
A programación dará comezo este domingo, 4 de outubro, na parroquia de Cereixo, cunha xornada que porá en valor o patrimonio cunha presentación/exposición e porá a primeira nota musical do programa. Ao longo dos meses de outubro e novembro, A Costa da Vida percorrerá tamén outras parroquias de Vimianzo, Corcubión, Fisterra, Dumbría, Mazaricos e Muxía, con propostas para diferentes públicos e disciplinas.
Durante a presentación da programación o coordinador de A Costa da Vida e socio de Culturactiva S. Coop Galega, Nacho Fungueiriño, destacou o traballo conxunto desenvolvido polos concellos participantes e agradeceu a súa implicación, así como o apoio da Xunta de Galicia a través de O Teu Xacobeo, que permite facer realidade esta programación.
O alcalde de Corcubión, Xabier Domínguez, puxo o foco no propio nome do proxecto, que considera unha maneira de ofrecer unha mirada positiva sobre o territorio, destacando a importancia de que tanto a cidadanía como as persoas visitantes e peregrinas poidan coñecer e desfrutar da cultura da comarca. Pola súa banda, o alcalde de Dumbría, Raúl González Lado, salientou a capacidade dos concellos para traballar conxuntamente máis alá das diferenzas políticas: “Aínda tendo ideoloxías distintas estamos aquí polo mesmo fin”.
O alcalde de Fisterra, Luís Ínsua, definiu A Costa da Vida como “unha oportunidade e un orgullo” para os concellos e para a veciñanza da contorna, e subliñou a importancia de achegar a cultura “ a todos os recunchos da nosa comarca”. Neste sentido, animou á cidadanía a participar e desfrutar das diferentes actividades. Tamén participou na presentación o tenente de alcalde de Mazaricos, Jorge Villar , que resumiu o espírito de cooperación da iniciativa cunha mensaxe clara: “Os concellos somos todos un”.
Desde Muxía, o alcalde Javier Sar destacou a importancia do proxecto nun territorio estreitamente ligado ao Camiño e á súa prolongación cara ao cabo Fisterra e Muxía. “Nós en Muxía, xunto con Fisterra, somos unha parte bastante esencial desa prolongación do Camiño e que mellor que usar a cultura para achegarnos entre nós”, afirmou, cualificando A Costa da Vida como “un proxecto moi bonito e acorde co que somos”.
A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez Ordóñez, agradeceu a implicación dos alcaldes, concelleiros e grupos que participan na iniciativa e lembrou que o proxecto naceu en 2023 cunha idea central: romper coa percepción de que “a cultura só está nas cidades”. Segundo explicou, nesta nova edición os concellos participantes acudiron á chamada para construír unha unión arredor dunha programación cultural no rural e levar A Costa da Vida á Costa da Morte. A rexedora agradeceu tamén o apoio do Xacobeo e de Culturactiva para facer posible o proxecto.
Nesta segunda edición, sinalou Rodríguez Ordóñez, un dos principais obxectivos é seguir fortalecendo esa integración entre concellos e proxectar “unha imaxe de comunidade, de traballar en equipo e de fortaleza”. A alcaldesa expresou tamén o desexo de que A Costa da Vida poida medrar en vindeiras edicións, incorporando máis concellos e máis actividades, e asegurou que Vimianzo seguirá apostando pola continuidade do proxecto. “
Ogallá en próximas edicións sexamos máis concellos con máis actividades”, apuntou, ao tempo que animou á veciñanza a desfrutar desta programación e a seguir traballando de cara a unha terceira edición.
Cereixo abre a programación este domingo
A primeira cita será este domingo, 4 de outubro, en Cereixo, cunha xornada dedicada ao patrimonio e á cultura local. A parroquia acollerá ás 11:00 horas, na igrexa de Cereixo, a presentación da exposición “De viaxe lendaria a recurso cultural: a Translatio de Cereixo como modelo”, a cargo da mediadora cultural Raquel López Noia.
Ás 12:00 horas, Os Quinquilláns presentarán “A barca prodixiosa de Cereixo”, para dar paso, ás 13:00 horas, á música do Coro Galilea de Cereixo e á actuación do recoñecido dúo de música folk e de vangarda Caamaño & Ameixeiras. A programación deste domingo pretende poñer en valor o patrimonio singular da parroquia, incluída a súa representación en pedra da Translatio, ao tempo que dá protagonismo á propia veciñanza. Neste sentido, a participación do Coro Galilea de Cereixo permitirá incorporar á programación a actividade cultural que xa desenvolven os propios veciños e veciñas.
Música, artes escénicas e tradición nas parroquias
Trala apertura en Cereixo, A Costa da Vida continuará con propostas de narración oral, música, maxia, monólogos e espectáculos familiares. O 11 de outubro, a Escola de Bamiro acollerá a Paula Carballeira, coa súa obra de narración “Os contos que me contan”, dramaturga galega que acadou en 2023 o Premio Nacional de Literatura Dramática. O 18 de outubro será a quenda de Treos, coa actuación do dúo tradicional Acordeireta xunto coas pandeireteiras de Treos.
O programa continuará o 25 de outubro en Salto, no salón parroquial de Castromil, coa humorista e creadora de contido Leti da Taberna e o seu monólogo “Enredada”, orientado ao público adulto. O 31 de outubro, Fisterra acollerá a visita do circo de Henriko, que con “O Feiticeiro” ofrecerá unha proposta familiar que desfrutarán cativos e maiores.
En novembro, a programación chegará a Berdoias, o día 8, coa agrupación folk Os Carunchos e o grupo de pandeireteiras de Berdoias; a Dumbría, o día 13, coa narradora Vero Rilo e a súa sesión de narración para adultos “Lavandeiras”; e a Carantoña, o día 15, con Bandullo Azul e “Miro e as músicas” para os máis pequenos da casa.
O 20 de novembro, Mazaricos acollerá no Auditorio da Casa da Cultura “A Tarabela Ambulante: Idea”, unha obra de teatro da compañía Tarabela Creativa que será toda unha viaxe pola imaxinación para a cativada. O 22 de novembro, a música chegará a Baíñas co grupo Tres Pesos, que actuará xunto ás pandeireteiras de Baiñas, e a programación concluirá o 28 de novembro en Muxía, coa proposta familiar de Henriko, O Feiticeiro.
Como parte do espírito de encontro de A Costa da Vida, nas parroquias participantes ofrecerase, despois das funcións, un pequeno petisco para favorecer a conversa, a convivencia e a xuntanza entre a veciñanza. Deste xeito, a programación busca que a cultura sexa tamén unha escusa para atoparse e fortalecer os lazos comunitarios.
A Costa da Vida afronta así unha nova edición coa vontade de seguir demostrando que as parroquias e o rural son tamén espazos para a cultura, e que a colaboración entre concellos permite ampliar e compartir as oportunidades culturais en toda a Costa da Morte.